Estado de alarma. Día dous.

Background of a facade with balconies in Madrid
Estado de alarma. Día dous.

Non son boas as novas que se escoitan no telexornal. Nin tampouco as que se publican na prensa. O número Background of a facade with balconies in Madridde afectados polo coronavirus avanza imparable. E, canda el, o número de mortes.
Segundo día de estares na casa, sen saír. Só para buscar o pan. Nas rúas, as persoas cóntanse cos dedos das mans. No meu edificio son varias as persoas que sacan a pasear o can. Os demais ficamos dentro das vivendas, neste peche obrigado pola necesidade.
Ás veces saio á fiestra do cuarto onde escribo ou mesmo ó balcón se non chove. Nunha desas veces quedo longo tempo observando o edificio fronte ao meu, do outro lado do parque que nos separa e no que a zona de xogos infantís está precintada pola policía municipal. Algúns dos pisos teñen unha terraza grande, polo menos dez metros de longo, que abrangue dous cuartos e o salón, como deduzo polas fiestras que dan a ela. Nun deses pisos hai un matrimonio de certa idade. El viste un chándal de cor azul escura. Ela cun pantalón negro e abrigada cun anorak de cor mostaza. A escena resulta curiosa e permanezo longo tempo observando. Ambos os dous camiñan pola terraza dunha punta a outra. A muller le un libro namentres camiña e o home vai uns pasos detrás. Nunca perden o ritmo, a distancia. Ida e volta. Unha e outra vez. Xa de non saír á rúa, camiñar pola terraza non está mal. Porén, as nubes comezan a escurecer o ceo e a chuvia, sen piedade dos enclaustrados, deixará de permitirlle o paseo ao longo da terraza. Eu abandono a miña coas primeiras pingas mollándome a faciana.

Pola tarde, despois de xantar e recollida a mesa, xogamos ao Cifras e Letras en familia. Un bo rato divertido. Ao rematar, xogo ao xadrez co meu fillo, que cada vez me gana con máis facilidade. Aínda así, consigo gañarlle unha segunda e decidimos deixar o desempate para o día seguinte. Sen decatarnos, o tempo foi pasando ata as sete da tarde. A miña dona, sabedora da miña teima de fotografar arcos da vella, avísame de que hai un marabilloso. Saio ó balcón para velo: non se equivoca, é realmente espectacular. Grande, inmenso e, ademais, dobre. As cores preséntanse nítidas, fermosas. Ata que o sol deita os seus raios por entre as nubes e o arco vai desaparecendo.

Van dous días do estado de alarma. Agardo que o virus esmoreza pouco a pouco. O que non vexo esmorecer é a incapacidade dalgunhas persoas. Como a desa política fugada da xustiza que vén de declarar “de Madrid ó ceo” facendo mofa dunha desgracia que afecta a todo un país que non está para brincadeiras. Política, á que, por certo, gustaríame lembrarlle que en Cataluña tamén está morrendo xente.

Rafael Laso Lorenzo