viernes 03.07.2020

Estado de alarma. Día noventa e catro

Quedan poucos días para o domingo, para o remate do estado de alarma en España, e os chinos volven despregar todos os seus medios para controlar ese novo brote da epidemia que xurdiu nun mercado de Pekín. Os expertos chinos non queren que se reinicie a segunda onda da pandemia e están facendo controis masivos por toda a cidade. Ademais, din que este brote presenta unha cepa diferente. Noutro país asiático, Irán, as mortes volveron superar o cento e as autoridades estiman estar atravesando unha segunda fase da enfermidade. Esperemos que desta volta todos os gobernos sexan máis previsores e os países teñamos as cousas ben amañadas para que un segundo empurrón do virus non nos pille fóra de xogo. Unha das cousas que eu agardo con expectación é ver como vai a experiencia deses turistas alemáns que comezan a chegar ás Illas Baleares.

Laurel_and_HardyNesas protestas que avanzan imparables por todo o mundo (xa chegaron aquí, pois xa algúns falan de tirar a estatua de Cristóbal Colón de Barcelona, esperemos que a alcaldesa non volva meter a zoca como fixo co Almirante Cervera) quero quedarme con esa imaxe acontecida en Londres, na batalla campal ó sur do río Támesis, coa policía en medio dos “defensores” das estatuas e os manifestantes contra o racismo: un home negro, Patrick Hutchinson, leva sobre os seus ombreiros un home branco ferido. Á parte do valor simbólico da imaxe e da grandeza do xesto, saliento as palabras que se ven por todos os xornais: “Non é unha cuestión de brancos contra negros, senón de todos contra os racistas”. En fin, agardemos que a cousa non vaia a peor e que Trump non bote os pés fóra do canastro,  pois ás veces ten a estraña facultade de complicalo todo.

Na fin de semana en Moaña, deume por pensar nesta cuestión durante o tempo de paseo do domingo pola mañá. Todo foi porque alí hai unha grande cantidade de esculturas. Menos mal que a balea, o calamar xigante, o can co gato, o cataventos do paxaro tolo, o avión de papel, o Fisgón e outras máis, non son en principio, sospeitosas de nada, porque se non podería ser unha desfeita.

Quero contarlles hoxe unha historia da que veño de ser coñecedor. Aconteceu na Costa da Morte tal día como o de hoxe, 16 de xuño, pero no ano 1896. Teño que conseguir máis datos porque sería algo con interese para contar polo miúdo. Eu botei a cabeza a pensar e imaxineina como o naufraxio do Titanic galego, polo feito de teres acontecido na nosa costa. Ese día, o vapor inglés Drummond Castle navegaba fronte a Fisterra no intre do seu afundimento, levando 251 persoas a bordo entre tripulación e pasaxeiros. De todas elas, só se salvaron tres. Unha historia moi triste, como tantas outras das acontecidas nas nosas augas. Quen non protagonizou historias tristes, senón que divertiu a medio mundo coas súas películas foi un home que naceu tamén tal día como hoxe pero en 1890. Se lles digo o nome de Arthur Stanley Jefferson, talvez non lles soe de nada. Pero se lles falo de Stan Laurel, o Fraco, inseparable compañeiro de Oliver Hardy, o Gordo, lembrarán de certo a esa parella cómica que a min, de neno, moito me fixo rir coas súas películas.

Rafael Laso Lorenzo