jueves 09.07.2020

Estado de alarma. Día noventa e tres

Queda unha semana para o remate do estado de alarma e desta serie de artigos. Malia que en Galicia rematará mañá, cousa que valerá de algo para a economía pero non para saír alén das nosas fronteiras. Para o día 21 anúnciase a apertura das mesmas coa Unión Europea agás o país veciño de Portugal. Teremos, por tanto, que agardar un pouco máis para ir xantar o bacallau. Agora, entrados nesta nova etapa, cómpre ser aínda máis coidadosos e respectuosos coas normas a cumprir. Segundo os expertos na materia, todo o acadado pódese volver cara atrás se non somos precavidos. Esperemos que non se repitan cousas como esa que o xornal El País trae hoxe domingo na súa portada, na que di textualmente que “Salud Pública rechazó hasta marzo pruebas a enfermos sin vínculo con China debido a los protocolos pese a la insistencia de sus médicos. El virus se movía por España sin ser detectado”. Ou ben como esas festas ilegais e multitudinarias que saen estes días na televisión.

Neste domingo quince de marzo hai dous personaxes históricos de aniversario. Un está morto, Ernesto Che Guevara, que de vivires aínda, andaría polos noventa e dous anos. che-guevara-png-5a3a84019390e3-vertO outro é o actual presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, que celebra setenta e catro. Inda que o que se di celebrar, non ten moito, tal como ten o país, sumido nun caos de múltiples frontes. A pandemia supera os dous millóns de contaxios e os cento quince mil mortos na nación. As mortes da man da policía de George Floyd e a de Rayshard Brooks espallaron unha onda de manifestacións de protesta e tamén actos vandálicos por todos os estados. Creo que a cousa estáselle indo das mans cada vez máis a présa. Agora seica a emprenden tamén coas estatuas de persoeiros históricos e a cousa xa chegou a Inglaterra, onde a policía inglesa anda a defender a estatua de Winston Churchill para que non a boten embaixo. Creo que todos os que fomos a Londres algunha vez, fixemos alí una fotografía, pois atópase moi preto do Big Ben e do Parlamento. Os ósos de Oliver Cromwell deben estar a remexerse na súa sepultura da Abadía de Westminster, pois este home armou un cento de liortas e meteuse en canto xardín había. Se ó seu cadáver foron quen de desenterralo e cortarlle a cabeza para tela exposta durante anos como escarnio público, non quero imaxinar o que lle espera á súa estatua situada a menos de douscentos metros da de sir Winston. A do Mahatma Gandhi, a cen metros da deste último, poderá estar tranquila, pero non sei que pensará de todo isto.

Hoxe aproveitamos para rematar de arranxar algunhas plantas que quedaron pendentes onte. Como algunhas non puidemos preparalas, quedarán para a semana que vén. Tamén aproveitei para xogar co meu fillo un par de partidas ó clásico xogo do Monopoly, pero este nunha versión moderna do Fortnite. Malia facerme con bastantes propiedades, acabei perdendo as dúas. Despois, dedicámoslle un rato a lectura conxunta dun libro de aventuras, na que o lector escolle as accións do protagonista e, en función da escolla, ten que dirixirse a un número de páxina concreto e así ata rematar a historia. Tiven tamén tempo para ler unha entrevista que lle fixo Mario Vargas Llosa a Jorge Luis Borges na casa deste en Bos Aires no ano 1981. Chamoume a atención que Borges non tivese ningún libro propio seu na súa casa, xustificándose porque quen era el para estar a carón de autores importantes. Modestia dende logo non lle faltaba a este arxentino ó que non lle deron o Nobel malia telo ben merecido. O meu recordo para el, neste día quince de xuño, aniversario do seu pasamento. Home lúcido onde os haxa, pasou cego os anos finais da súa vida, mais nunca perdeu a cabeza. Porén, outros non poden dicir o mesmo.

                                                                                                                                                                                                                                                                           

Rafael Laso Lorenzo