viernes 03.07.2020

Estado de alarma. Día noventa e seis

Parece que xa estamos na vida normal. Volveu o fútbol. Non son un seareiro apaixonado, mais si que me gusta seguir dende a distancia ó Antela, no que ademais teño familia (o adestrador é meu tío e o preparador físico o meu curmán) e tamén ó Celta, que seica hoxe empatou en Valladolid (cidade que coñezo ben, pois botei alí un par meses facendo o servizo militar) tras fallar Iago Aspas un penalti. Dicía que volveu o fútbol e xa moitas cousas xiran arredor del: programas de radio, televisión, comentarios entre compañeiros, prensa. E iso que, polo de agora, a xente non pode ir ós estadios. Coido que é mellor así durante un tempo, polo ben da saúde de todos. Imaxinan o que pode pasar nun campo con, poñamos tan só trinta mil persoas? Seica un grupo de expertos da Universidade de Granada, tal como publica hoxe mércores o xornal El País, calcularon que unha aula con vinte alumnos supón algo máis de 800 contactos cruzados en dous días. Se en vez de vinte, contamos os espectadores dun campo de fútbol... mellor non facer contas.

IAGO ASPASXa lles contaba onte o que lin do caso de China, razón pola que estaba certamente preocupado. Hoxe cando cheguei a casa, a miña dona preguntoume se escoitara o acontecido en Alemaña. Díxenlle que non tiña coñecemento do asunto. Daquela contoume o dos 650 contaxiados por un brote entre os traballadores dunha fábrica da industria cárnica. De súpeto, pensei na factoría viguesa de Citroën Hispania, cos seus case seis mil operarios. Metémonos nuns números grandiosos e para iso talvez fosen necesarios computadores para facer os cálculos. Mellor non pensar niso.
Falando de cálculos, hoxe lin un estupendo artigo, no xornal El País, sobre Charles Babbage, un matemático inglés que alá polo ano 1830 soñaba con ordenadores, que non existiron ata centos de anos máis tarde. Este home, que fixo interesantísimas aportacións ó mundo das matemáticas sobre cálculo diferencial, deixou este campo e dedicouse á creación dunha máquina calculadora. Máis adiante desenvolveu outro prototipo, no que colaboraba tamén Ada Lovelace, unha máquina que mediante tarxetas perforadas controlaba operacións ou almacenaba datos. Como tantos outros visionarios adiantados á época que lle tocou vivir, Babbage morreu sen recoñecementos mais unha frase que escribiu (“outra época xulgará o meu traballo”) resultou profética. Hoxe está considerado como o pai do moderno computador.

Onte falaba aquí da conversa que mantiven co meu cuñado. Como estabamos entretidos co tema, non acordei de contarlle unha noticia que a le ben seguro lle interesaría. Gústalle moito a bicicleta e ten un mérito enorme, pois estando xa xubilado ten ido facer cos compañeiros do club ciclista algunha que outra etapa das que se corren no Tour de Francia. Sei que subiu Alpe d’Huez e mailo Tourmalet. Etapas que fixeron sufrir ó talvez máis grande ciclista de todos os tempos: o belga Eddy Merckx. Este, alcumado O Canibal, polas súas ansias de querer ganalo todo, cumple setenta e cinco anos neste dezasete de xuño. O que non sei é se segue a montar en bicicleta, como si facía o noso gran Delio Rodríguez, veciño no seu momento de meus pais e o que vin máis dunha vez de volta da súa andaina en bici cando xa pasaba dos setenta anos.                                                         

Rafael Laso Lorenzo