viernes 03.07.2020

Estado de alarma. Día noventa e nove

colexio Carlos Casares, antes,  Sergio Mascareñas
colexio Carlos Casares, antes, Sergio Mascareñas

Cando escribo este penúltimo artigo do estado de alarma estamos a sábado 20 de xuño. Hoxe, a iso das 23 horas e 44 minutos comezará oficialmente o verán (debo escribilo así, máis eu prefiro a forma limiá vrau ou vrao), para moitos talvez a época máis fermosa do ano. Paradoxos da vida, dezaseis minutos despois deixará de estar en estado de alarma o resto de España, pois os galegos levamos fóra del dende o luns que deu comezo a esta semana. Cando eu era neno, estudante na miña vila, os mestres (lémbroos a todos coma se foxe onte: don Paco, unha institución en Xinzo; dona Basilisa e dona Beatriz; don Pepe Carballal, que vivía preto de nós, ía a escola en bicicleta e prendía as perneiras dos pantalóns cunha pinza de madeira para que non se lle manchasen coa graxa da cadea; e don Pepe Gude) explicábannos que o verán comezaba o 21 de xuño e remataba o 21 de setembro, no que comezaba o outono ata o 21 de decembro no que entraba o inverno cos seus días fríos para traernos a primavera o 21 de marzo. Iso era así, un principio tan sagrado como a da Inmaculada Concepción ou o do Espírito Santo que nos explicaba o Chencho na catequese. Mais, como os tempos adiantan unha barbaridade, os astrónomos (non o home do tempo, na miña nenez o famoso Mariano Medina, que era meteorólogo, e xa máis agora Santiago Pemán, que é piloto e inspector de aviación civil) seica din que como se pode medir con maior precisión as posición relativas da Terra e do Sol, pois o comezo do verán pode cadrar en 20, 21 ou 22 de xuño. Así pois, este ano vén un pouco máis a présa.

colexio Carlos CasaresXa que falamos de présa, vou contar a que se deu tal día coma hoxe, pero no ano 1968, un home que os afeccionados ó atletismo saberán ben quen é. Falo de James Ray Hines, máis coñecido por Jim Hines, un atleta estadounidense que nos xogos olímpicos de México 68, foi o primeiro home en baixar dos dez segundos na proba dos cen metros lisos. Gañou a medalla de ouro cun tempo estratosférico de 9,95 segundos, que se mantivo como récord mundial durante quince anos. Nesas olimpíadas, outro compañeiro seu, Bob Beamon, proclamouse campión olímpico de salto de lonxitude cun chimpo de 8,90 metros, case nada. Esta marca, perdurou ata 1991 como récord mundial, mais a día de hoxe segue a ser récord olímpico. Por certo, que ambos os dous atletas, viviron unha tensa situación, pois as manifestacións racistas que había no seu país ameazaban cun boicot ós deportistas negros. En fin, algo que me soa tamén a recente, coas derradeiras mortes de cidadáns as mans da policía das que se falou aquí. Hai problemas que por moito que pasen os anos, seguen a estar aí. Como o coronavirus, que malia saír do estado de alarma, os expertos din que vai ficar entre nós moito tempo. Así pois, non nos queda outra que ter sentidiño, algo moi típico dos galegos, e non botarnos á bartola, non vaia ser que deamos un paso atrás ben grande.

No artigo noventa e sete desta serie, faleilles da batalla de Waterloo (desta tamén fala a supercoñecida canción do grupo ABBA, un exitazo gañador do festival de Eurovisión en 1974). O meu amigo da Coruña, envíame unha mensaxe para contarme que a vitoria da coalición angloprusiana (comandada polo prusiano Blücher e o inglés Wellington) foi un conxunto de moitas cousas, coas que non me quero estender aquí. Só dous detalles: o cabalo de Wellington chamábase Copenhagen e despois de entrar a lombos do animal no asalto final sobre a garda imperial de Napoleón, o duque inglés deixou a súa frase para a historia: “Á marxe dunha batalla perdida, non hai nada máis deprimente que unha batalla gañada”. Eu espero que lle gañemos a batalla á pandemia do coronavirus.

Por certo, eu non coñecía a historia do cabalo de Wellington, mais si a do cabalo de Napoleón, Marengo. Resulta que un inglés, o barón Petre, fíxoo prisioneiro. Cando morreu, o animal tiña trinta e oito anos e o seu esqueleto pode verse en Inglaterra, no Museo Nacional do Exército de Sandhurst.

Rafael Laso Lorenzo