viernes 23/10/20

Estado de alarma. Día oitenta

Catro vintes. Unha maneira de reflectir o número deste novo artigo da serie. Un número que me leva a moitos anos atrás, a outro número, o oito, que eran os meus anos daquela. Teño na memoria unha lembranza inesquecible cada vez que o número oitenta aparece diante miña. Vai asociada a un home, o señor Emilio Ruiz, que puña pasantías de francés na miña vila. A miña irmá e máis eu asistimos a elas. No inverno, cando saiamos era noite pecha e o meu tío Toniño Moca viña recollernos despois de pechar a zapataría. Podo dicir que case todo o que falo e entendo de francés débollo a aquel home. Fixérame moita gracia o xeito de que os gavachos tiñan de dicir oitenta: quatre-vingt. Iso e maila cantiga dos cabaleiros da táboa redonda (nada que ver cos cabaleiros do rei Arturo), especie de canción de taberna para cantar arredor da mesa, que enxalza o beber viño e que se canta en distintas zonas de Francia, Bélxica, Suíza, o Canada francófono o val de Aosta ou mesmo no Líbano. Se o penso un pouco, algo semellante ó que para nós os galegos representa o Miudiño. A canción é moi divertida, mais se cadra creo que hoxe non sería moi politicamente correcta para uns rapaces de entre sete e once anos.   

lennon4.jpg_150452389Como contei onte, arrincou este mes de San Xoán, con trebón e bategadas de auga. Agora si, agora non, os tronos e a chuvia fóronse escoitando ó longo da noite. Abofé que malia oílos, non lle fixen moito caso nin me privaron de durmir en canto prendín no sono. O cansazo acumulado da fin de semana deixouse notar. De feito, cando soou o espertador as sete menos cuarto da mañá, erguinme coa sensación de que ben podía ter durmido un chisco máis. Como era o primeiro día de traballo despois de quince na casa, fiel ó meu costume, decidín poñelo dez minutos antes, pois ser previsor non costa apenas nada. Por sorte, para min rematou o ERTE e vólvome incorporar a realidade paulatina do traballo, no que se observa unha paralización importante e un ritmo máis frouxo que para nada ten que ver co que estamos afeitos. Esperemos que pouco a pouco se poida ir recobrando, malia que na oficina todos os compañeiros pensamos case que da mesma maneira: a cousa non vai ser doada. Outros temas recorrentes nas conversas das pausas para o café, son o das terrazas, o do acceso limitado ás praias e o dos malabarismos que temos que facer pais e nais con fillos pequenos para compaxinar a actividade laboral coa falta de asistencia á escola dos rapaces.

Este número de artigo, oitenta, referido a un ano, significou para min entrar na idade dos quince anos. Daquela, eu estudaba FP no Colexio Hogar Caixanova (inda non se producira a fusión das Caixas), época da que gardo grandes lembranzas e moi boas amizades, como a dese compañeiro que vive na Coruña e que de cando en vez fornéceme de historias ou sucedidos interesantes.

Respecto disto, sucesos interesantes, o ano de 1980 tivo detalles para todos os gustos. Paga a pena lembrar algúns. A serie Dallas estaba en pleno apoxeo, coas argalladas do JR. Foi o ano da estrea do filme El crimen de Cuenca, de Pilar Miró, que tanta polémica levantou. Outro feito importante foi o do acceso á presidencia dos Estados Unidos de Ronald reagan, un actor despois metido a político. E o mundo da música nunca imaxinou o drama que acontecería nese ano: a morte de John Lennon, asasinado por cinco disparos de revólver na entrada da súa casa no edificio Dakota en Nova York. De todos os xeitos, o suceso para min máis importante dese ano, foi o anuncio no mes de maio da Organización Mundial da Saúde da erradicación total do virus da varíola. Agardemos que no futuro, sexa posible dicir o mesmo sobre este Covid 19 polo que levamos oitenta días en estado de alarma.

                                                                                                           

Rafael Laso Lorenzo