viernes 23/10/20

Estado de alarma. Día oitenta e un

Hoxe é un día deses nos que mellor non coller a prensa, malia traer pequenas alegrías coma esa de que levamos xa un par de días sen mortos polo coronavirus en España. Porque é que entre as palabras de Irene Montero sobre a manifestación do 8M, as declaracións (máis que declaracións, insultos, na miña humilde opinión) de Donald Trump chamándolle “escoria” ós manifestantes que protestan pola morte de George Floyd (seica o delito deste home era levar un billete falso de vinte dólares) ou os apaños de Vladimir Putin para perpetuarse no poder, semella que hai unha competición para ver quen a fai máis grande. Se nesta época que nos toca vivise Romanones, aquela frase súa (perdoen o exabrupto, pero é así) de Joder, qué tropa! faríase extensiva a medio mundo.

tributo-a-mecano-1024x576Hoxe non choveu en Vigo. Nótase que o trebón xa descargara suficiente, algo así como o que leo na prensa que aconteceu na miña vila de Xinzo, na estrada entre Morgade e Pena. Volvín algo tarde de traballar por mor de complicacións de última hora no traballo. Deixei o coche no garaxe e marchei na procura da miña dona e mais meu fillo, que saíran pasear dez minutos antes. Andaban preto da casa e foime doado atopalos. O que vin non me gustou nada. As terrazas das cafeterías estaban cheas, cousa que non me parece mal. Porén, o que non vexo correcto, é que, baixo o meu punto de vista, polo xeral a xente semella non estar preocupada para nada polo asunto. Non sei se a sabedoría popular nese refrán de ollos que non ven, corazón que non sente, terá razón unha vez máis. Pero as mesas pegadas case que unhas con outras (u-los dous metros?), a grande cantidade de persoas sen tapabocas nin sen distancia social, faime ver que unha maioría de xente debe pensar que aquí non pasou nada. Non quero imaxinar o que pode ser isto a partir da semana que vén.

Cambiando de tema, voulles contar que de entre as miñas películas favoritas da nenez estaban as de Tarzán. Vin algunhas onde o personaxe estaba interpretado por Lex Barker (marido de Tita Cervera, a baronesa Thyssen). Algunhas outras, as menos, por Gordon Scott. E as que máis, talvez polo máis famoso de todos, Johny Weismüller, actor que previamente foi un dos mellores nadadores do mundo e campión olímpico, que segundo contan algunhas crónicas, ó final da súa vida perdeu o sentido e imaxinábase o seu personaxe, dando berros por todas partes. Se o traio hoxe aquí, é polo seu nacemento tal día coma hoxe, un dous de xuño de 1904.

Porén, vou ir ata o ano 1981, facéndolle xogo ó título do artigo. Un ano que ninguén esquecerá polo golpe de Estado do coronel Tejero o 23 de febreiro; o drama das mortes e afectados polo síndrome tóxico do aceite de colza; o recoñecemento da SIDA ou mesmo a aprobación da lei do divorcio en España.

Son as dúas da mañá cando remato de escribir este artigo para envialo ó xornal. Voume deitar, pero non sei se cando toque o espertador soará o Hoy no me puedo levantar, a canción de Mecano que nese ano converteuse no seu primeiro grande éxito.

                                                                                                           

Rafael Laso Lorenzo