miércoles 21/10/20

Estado de alarma. Día oitenta e cinco

Onte falei aquí dunha fotografía da lúa sobre a chaira da Limia, referíndome a ela como lúa laranxa, pois tal era a cor que eu vía na imaxe. Pois resulta que non, que non é laranxa senón que se trata da lúa amorodo. Souben do asunto namentres xantabamos, pois cadrou que daban a información no telexornal e informaban do fenómeno que a produce: un eclipse penumbral de lúa, por interposición do noso planeta entre o satélite e o Sol. Neste ano de 2020 seica é a segunda vez que se produce, pois xa houbo outro igual o día dez de xaneiro e aínda quedan outros dous. Un deles será dentro dun mes, o cinco de xullo, e o outro será en novembro, pero este último só será visible dende o Xapón, Norteamérica e o Océano Pacífico. O mellor lugar para apreciar esa cor rosada do de onte venres foi nas Illas Baleares. Agora xa non, mais séculos atrás os eclipses eran considerados culpables de moitos males.

                               A miña dona, o rapaz e mais eu, aínda aproveitamos hoxe a noite para ver a lúa dende a terraza da nosa casa en Moaña. Como o ceo está cuberto, houbo que agardar catro ou cinco minutos para poder vela chea, xa que nun principio víase en franxas por mor das nubes. O ceo foise cubrindo pouco e pouco dende o mediodía. Para a tardiña, cando baixamos para ir dar un paseo, o mar perdera a súa cor azul, que mudara nun gris escuro coma o do ceo. Ía fresco e polo paseo marítimo notábase unha lene airexa da que houbo que abrigarse. As previsións non son nada boas e agoiran noite de trebóns. 

Con esta semana que remata, comeza unha nova xeira o luns. Se nada cambia, a partir dese día en Galicia poderemos desprazarnos entre as provincias, o cal é unha cousa desexada por unha grande maioría. Esperemos que se fagan as cousas con sentidiño. Por outra banda, leo na prensa que o Goberno pensa establecer unha multa económica de cen euros por non levar mascarilla  na rúa. Nótase que teñen observado e comprobado a cantidade de persoas que non a usan, malia as recomendacións para facelo. Hoxe pola mañá, na feira do sábado en Moaña, había moita xente sen ela. En fin, supoño que ó final será como todo, cando nos tocan a carteira aprendemos.

Neste artigo, venme á memoria un acontecemento do ano 1985 relacionado cun personaxe que sempre me chamou a atención: Mijail Gorbachov, que nese ano iniciou o camiño de reformas na aínda daquela Unión Soviética.                                                                                                                                                                   Lembrarán o artigo de hai un par de días, no que falaba das posibilidades turísticas da nosa vila de Xinzo. Ese meu amigo da Coruña envioume unha mensaxe, dicindo que xa que falaba de igrexas, el quería facerme unha suxestión. Eu, non podo menos que deixala aquí nestas liñas, pois é unha visita con mito interese. Trátase da igrexa de Santalla de Bóveda de Mera na provincia de Lugo. Moi antiga, destaca polas súas pinturas policromadas da época tardorromana. Nesta Galicia nosa, hai lugares espallados por toda a xeografía que gardan marabillas dignas de ver.

Rafael Laso Lorenzo                                                                      

Comentarios