lunes 06.07.2020

Estado de alarma. Día oitenta e oito

Falta unha ducia para chegar ós cen artigos deste estado de alarma. Hai días que costa un pouco máis poñerse a escribir cousas e contar experiencias. Hoxe, por exemplo, falei con varias persoas galegas e algunha de Madrid. Como son persoas coas que me une relación profesional dende hai tempo, sempre sae na conversa o interese polas respectivas familias e como van levando esta situación de alarma á que xa se lle ve o final do túnel. Adoito comprobar nestes casos, que todas as empresas optaron por solucións máis ou menos semellantes, ou sexa teletraballo ou ERTE. Creo que xa o contei aquí algunha vez, mais hoxe nas conversas con elas, estas persoas amosáronme a súa preocupación polo incerto devir da situación, grandemente convencidos de que os efectos económicos negativos, algúns apreciables xa agora, vanse presentar á volta do verán.

verkami_782de1c9db4ef9c87da6e5075cc1578bBen certo que tal como mo razoaron debo darlles a razón, tamén é verdade que non dispomos dunha bóla de cristal como a da bruxa Avería do famoso programa de televisión dos anos oitenta que, casualidades do destino, rematou a súa andaina no ano oitenta e oito. Así pois, só queda agardar que o tempo pase (e non precisamente parados, agardando, senón con máis pulo aínda se cabe, para acadar o derradeiro chanzo desta escada que estamos a subir con moito coidado, termando dela para non volver caer.
Xa que, á conta da televisión, sae a relucir o ano 1988, direi que, enfiando co contado onte, nese ano comecei a traballar. O paso do mundo estudante da Universidade ó mundo real da empresa, foi unha dura aprendizaxe que me amosou, ás primeiras de cambio, todo o que me quedaba por aprender. E aprendín, vaia se aprendín. E ó igual que da época de estudante, do inicio da miña actividade laboral gardo a lembranza dos compañeiros de traballo, algúns deles son hoxe grandes amigos, e o feito de terme posibilitado percorrer Galicia de punta a cabo e coñecela toda enteira. Temos aqueles na que ir de Vigo a Coruña (viaxe que facía dúas veces por semana) so existía a autopista en dous treitos: Vigo-Pontevedra e Santiago-A Coruña. O resto do camiño, todo por estrada nacional. Obras espalladas por toda a xeografía galega de Viveiro a Vilalba, de Lalín a Verín, de Vilagarcía a Ferrol.  Posteriormente, un acordo da empresa con bancos a nivel nacional, posibilitou a miñas visitas e percorridos pola zona norte, Asturias, País Vasco e Cantabria. Cómpre dicir que en todas esas viaxes coñecín xente coa que aínda hoxe sígome relacionando.                       

Lin na prensa que seguen a caer festas do calendario por mor do coronavirus. Despois das da miña vila e as de Redondela, vexo que acaban de suspender tamén a festa da Saínza, que terá que agardar ó ano que vén. Por outra banda, a feira da miña vila vai recobrando, pouco a pouco, a súa esencia. Despois do regreso das pulpeiras, tócalle agora a quenda ós postos  de téxtil e de calzado.

Quen está desexando chegar á normalidade, é un señor de Bélxica que leva nove anos recibindo no seu domicilio encargos de comida rápida que el non fai. Entre outras, pizza, kebab, hamburguesas e refrescos. As encomendas realízanse a través dunha plataforma, da que non vou dicir o nome. De momento, non se dá co anónimo remitente. A cousa ten, dentro do malo, o seu aquel. A comida chega sen pagar, e o home ten que devolvela. Conta que nun día,  entre as oito e nove da tarde, petáronlle na porta cinco repartidores doutras tantas pizzerías. Un sen sentido. Cousa dun bromista que ademais escolleu mal a súa vítima: ó pobre xubilado non lle gusta a pizza.

Rafael Laso Lorenzo