jueves 09.07.2020

Estado de alarma. Día oitenta e nove

Hoxe, ó saír de traballar, parei na froitaría para mercar amorodos, mazás e uns plátanos. Xa coa miña bolsa de froita na man, agardei no semáforo para cruzar a rúa e observei no beirarrúas do outro lado, unha cantidade pouco común de policías nacionais, algo máis de media ducia. Nun primeiro momento, estrañoume a súa presencia. Mais despois, decateime do que facían. Separados en parellas, paraban e informaban ós transeúntes que se cruzaban con eles sobre a necesidade do uso das mascarillas ou tapabocas. Entendo que con vistas a concienciar á xente e evitar as posibles sancións económicas que levará aparelladas o incumprimento desa obriga. Moito labor educativo queda por facer, pois a cantidade de persoas que aínda andan sen elas é dabondo notoria.

1366_2000O día pola mañá comezou para min cunha visita ó dentista. Foi unha desas cousas previstas hai tempo, pero que a pandemia de coronavirus deixou á espera de mellor oportunidade. Comprobei cos meus propios ollos que ese traballo debe ser un dos que máis medidas de protección necesita tomar. Cestiño para recoller chaves ou semellantes. Tomáronme a temperatura cun termómetro tipo pistola. A continuación, tiven que pór cubrezapatos, gorro e finalmente luvas de plástico. As auxiliares e o dentista aínda ían máis pertrechados ca min (dobre par de luvas, dobre mascarilla, bata protectora por riba do uniforme de traballo). Cousa normal, para un traballo destas características, na que a distancia con respecto ó paciente é mínima, así que vexo normal estas precaucións.

Contáballes onte os meus inicios no mundo laboral, nunha época na que xa estabamos preocupados pola crise económica que pairaba sobre o país. Estes días de hoxe, son semellantes e durante o regreso á casa a iso das oito da tarde, escoitei na radio unha noticia preocupante: a OCDE dis que a economía española encabeza a caída entre todos os países europeos, cun descenso do 14,40 por cento. Moito nos vai quedar que bregar para saír desta.

Quero contarlle tamén varios detalles que lembro do ano 1989. Foi o ano do premio Nobel de Literatura para Camilo José Cela, un dos máis grandes autores españois de sempre. De cando en vez releo os seus incomparables Viaje a la Alcarria ou Del Miño al Bidasoa. Seguro que vostedes lembran tan ben coma min a imaxe que eu creo icónica daquel ano: esa dun home chino, só, diante dos tanques do exército na praza de Tiananmen. A morte do pintor Salvador Dalí ou o roubo do furgón blindado con máis de 300 millóns de pesetas da época polo despois famoso Dioni son tamén imaxes na memoria. En fin, cousas das que acordei hoxe, en tanto contemplo pola fiestra esa noite pecha e as luces apagadas de todas as terrazas do edificio da muller do anorak mostaza, que será para min o símbolo deste ano de coronavirus.                                                                                                                                                                                                                                                                                                

Rafael Laso Lorenzo