viernes 05.06.2020

Estado de alarma. Día sesenta

Chegamos ós sesenta días deste estado de alarma, que polo que se ve o Goberno da nación ten previsto, previo acordo cos restantes partidos (se tal cousa fose posible), ampliar un mes máis ata o 24 de xuño, tal como se recolle na prensa de hoxe. Se finalmente iso é así, como estamos a doce de maio, aínda nos quedarían corenta e tres días máis. Resulta que o meu amigo aquel que me dixo que iamos chegar ós cen, non andaba moi descarreirado. Xa veremos.

Antes de contarlles o que lles quero contar, vanme permitir que retorne ó día de onte, no que se me esqueceu unha cousa. Ten que ver coa miña afección polo xadrez. É que un once de maio do ano 1997, produciuse un fito nese deporte. Gary Kasparov, campión do mundo que nunca antes perdera unha partida profesional, cae derrotado xogando contra a supercomputadora Deep Blue. Persoalmente considero o feito como anecdótico. As computadoras fan xa case de todo, ata mesmo infectarse por virus, como aquel que nun día coma hoxe do ano 2017 deixou infectados a máis de 200.000 usuarios, estendéndose por 140 países e afectando a empresas como Fedex, Telefónica ou mesmo o sistema de saúde británico. Esperemos que non aconteza outro e menos estes días. Ós ingleses (en realidade creo que a ninguén) dubido que lles chistase moito.

Tablero de ajedrezPorén, hoxe quero falar de todo ese persoal sanitario que está a loitar, moitas veces por riba das súas posibilidades, contra esta pandemia que nos invade. É de xustiza recoñecer a súa labor, o seu esforzo e o seu tesón para pelexar cun rival que non se apiada de ninguén. Particularmente a todos os profesionais da enfermería, xa que o día de hoxe, doce de maio, está dedicado mundialmente á súa actividade.

Celébrase neste día, por coincidir co nacemento de Florence Nightingale no ano 1820 en Florencia. Malia nacer en Italia, esta muller era británica. Foi enfermeira, escritora e cursou estudos de Matemáticas, que lle valeron para aplicar os seus coñecementos estatísticos á epidemioloxía e á estatística sanitaria. Gracias a ela, sentáronse as bases da enfermería moderna tal como se coñece se entende hoxe en día. Tanto é así, que no ano 1893 creouse o xuramento que fan os profesionais ó graduarse e que leva o nome de xuramento Nightingale. Tras da súa experiencia como enfermeira voluntaria na guerra de Crimea, acada grande sona. E en 1860 funda a que se pode considerar como a primeira escola privada de enfermería, para a formación de enfermeiras no hospital de Saint Thomas. Polo seu costume de visitar os pacientes de noite cunha lámpada da man, quedoulle o alcume de “a muller da lámpada”.

O ano pasado, durante unha viaxe a Italia, na visita que fixemos a Florencia, puiden admirar o monumento a esta muller no museo da Ópera di Santa Croce, a carón da basílica do mesmo nome onde repousan os restos de Miguel Ángel, Maquiavelo e Galileo Galilei.

Hoxe tamén é o aniversario do pasamento doutra gran muller galega, Emilia Pardo Bazán, finada no ano 1921. De prolongarse o estado de alarma, tempo haberá para falar dela noutro artigo. E visto o panorama que se viviu coa apertura de terrazas nalgunhas cidades, con absoluta falla de respecto ás normas establecidas, xa as autoridades pensan en tirar de multas e sancións. Tratemos todos, polo noso ben e o dos demais, de manter as distancias, respectar os espazos e os criterios dos especialistas. Pensemos neses homes e mulleres profesionais da enfermería. Non fagamos que o seu esforzo non vala para nada.

Rafael Laso Lorenzo