miércoles 30/9/20

Estado de alarma. Día sesenta e tres

Rematou esta semana de traballo, que foi máis complicada do que nun principio podería parecer. Dadas as circunstancias que nos rodean e que teñen o país sumido nun estado particular, case como ó ralentí, a maioría das empresas están sumidas en procesos de ERTE, unha palabra a que xa estamos afeitos. A min, vaime tocar durante as dúas semanas vindeiras. Aproveitarei para arranxar cousas pendentes, estar co neno a tempo completo, escribir estes artigos, ler todo o que poida e ver se son capaz de rematar a corrección desa novela da que xa din noticia nalgún destes artigos. Falando destes, onte recibín varios whatsapps duns amigos e lectores, nos que me din que, visto o panorama, a idea de que finalmente remate por chegar ó número cen vai tomando cada vez máis forma na súa cabeza. Agradezo ese comentario, porque enténdoo como unha mostra da boa aceptación que poden ter estes retallos de texto sen máis pretensión que distraer e facer que vostedes que len isto, pasen un rato de lecer.

Vigo_IslasCiesIndo e vindo do traballo, hoxe escoitei na radio varias veces as opinións e o debate xerado polo ministro Alberto Garzón coas súas declaracións (imaxino que referidas a España) dicindo que o turismo “é un sector de baixo valor engadido, estacional e precario”. Nada que ver cun titular do xornal El País, no que se di que “Europa sale al rescate del turismo, una de sus joyas. Los países del continente aprueban planes de miles de millones para el sector, que aporta un 10% al PIB comunitario”. Con cousas así, iso de que España é diferente cada vez ten máis sentido. 

O día de hoxe é a festa de San Isidro, patrón dos labregos. É un dos poucos festivos que recoñezo sempre, pois despois de tanto tempo traballando con empresas ou clientes de Madrid, acabei sabendo a data tal como sei a do día de Santiago Apóstolo ou do de San  Roque. Por iso, supoño que os meus paisanos agricultores da Limia, estarán hoxe contentos ó ler esa noticia publicada neste e en varios outros xornais, sobre a aprobación da modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida (IXP) Pataca de Galicia. Unha excelente noticia que permitirá darlle un impulso ó sector dos produtores de das varias bisbarras de Galicia entre elas a nosa da Limia. Boa falta fan estas noticias para que a economía do país colla de novo o pulo necesario.

Polo demais, no traballo, os compañeiros seguimos falando e amosando a preocupación por esa febre das terrazas e tamén da actitude desas persoas que non respectan ou non entenden que debemos respectar as indicacións das autoridades e cumprilas polo ben de todos. Non coma ese home de Lugo, de 36 anos, que foi detido por practicar deporte fóra das horas permitidas para iso. Ata aí, todo normal. O que non o é en absoluto, e que o detido alegou que facía deporte cando tiña costume e que non había que seguir ningunha norma. Foi multado, mais non contento con iso, seguiu a practicar deporte, sen facer caso as indicacións dos axentes e cunha actitude despectiva e irrespectuosa. Ante tales circunstancias, a policía levouno preso.

Antes de rematar este artigo, érgome un intre para ollar pola fiestra do cuarto. Non hai ninguén na rúa. O único movemento que observo é o da luz oscilante do semáforo. O edificio de en fronte, o da señora do anorak mostaza, pasouse ó lado escuro. Non hai ningunha fiestra con luz. Semella unha escena propia de película con música de suspense. Falando de música e de películas, venme a mente O exorcista, coa música de Mike Oldfield, quen por certo, cumpre hoxe sesenta e sete anos.

Rafael Laso Lorenzo