viernes 05.06.2020

Estado de alarma. Día sesenta e cinco

Este ano o día das Letras Galegas resultoume estraño dabondo. Supoño que non só me acontecería a min. De feito, comentaba coa miña dona o detalle de que despois de tantos anos agardando e reclamando un día para don Ricardo, o ano que lle toca resulta ser diferente e distinto ós demais, sen actos oficiais e sen as celebracións do día. Malia non compartir con el os seus criterios en canto ó idioma galego se refire, non deixo de respectar a súa opinión e recoñecelo como un dos grandes intelectos que deu a nosa terra. Escritor, filólogo, lingüista, crítico e historiado literario, foi un home condenado polo réxime franquista, co cal non puido incorporarse ó ensino público ata o ano 1965. Sete anos convértese no primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da universidade compostelá, onde desenvolveu unha importantísima labor.

portada-carballo-calero-copiaXa comentei no artigo de onte, que me resultaba estraño non poder estar hoxe na miña vila de Xinzo. As circunstancias son así. Tamén botei en falla as publicacións relativas á figura do homenaxeado que se venden cos xornais, e que este ano non vin. Para curarme un pouco desa eiva, lin unha estupenda entrevista con Pilar García Negro, alumna e discípula de don Ricardo, centrada na súa figura e, xa a noite, unhas páxinas da novela deste Xente da Barreira.
Como hoxe volvemos a Moaña, aproveitamos para facer un churrasco no xardín. O rapaz axudoume a preparar todo, o carbón, facer as brasas, preparar a grella e colocar sobre ela a carne. A toda a familia nos gusta esta especie de cerimonia culinaria que por mor do coronavirus levabamos tempo sen poder facer. Como o preparar o churrasco deixa algúns tempos mortos entre medias, a min gústame ocupar eses intre coa lectura, algo que nun día coma o de hoxe non adoito perdoar. Este ano, levei canda min o libro Vigo, puro milagre, unha escolma dos artigos xornalísticos que o meu benquerido amigo Manuel Bragado publica no Faro de Vigo. O día da súa presentación, o recinto onde se celebraba  estivo ateigado ata o teito. Houbo xente que non puido entrar na sala por problemas de aforo. Eu tiven a sorte, non de entrar, senón de quedar fóra pero no limiar da porta. Estes artigos afondan, dende a visión obxectiva, racional e case sempre acertada e compartida, nunha perspectiva da cidade dende a memoria do autor.

Despois de xantar, de recollido e limpado todo, demorámonos un chisco na casa antes de saír para o paseo co noso fillo. Namentres a miña dona e mais eu camiñabamos, o rapaz  circulaba co patinete polo carril do paseo que bordea a praia. Andábase ben, non ía moito calor (pasamos moito máis facendo o churrasco). Durante o paseo, comentamos o feito das poucas terrazas abertas en Moaña, nin sequera as que están a carón da praia. As poucas que vimos, gardaban as distancias. Cousa que a min, persoalmente, aledoume. Pola noite, estiven lendo unha entrevista no xornal La Voz de Galicia con distintos traballadores sanitarios (enfermeiras, auxiliares, etc.) na que estes piden algo esencial nestes intres e o titular non deixa lugar a dúbidas, pois di que os sanitarios imploran responsabilidade, engadindo que os profesionais que loitan en primeira liña non dan creto ás imprudencias dalgúns.                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                

Rafael Laso Lorenzo