viernes 05.06.2020

Estado de alarma. Día sesenta e seis

Souben hoxe de dúas noticias referentes a miña vila, por medio da prensa. Unha por este xornal no que escribo e outra por La Región. No primeiro dise que o grupo de goberno do concello decidiu suspender as festas patronais na honra de Santa Mariña, por mor da pandemia. Paréceme unha medida axeitada, pois o control é imposible nunha festa ou nunha verbena. As circunstancias obrigan a tomar este tipo de medidas e cómpre salientar o interese da corporación en preservar a seguridade sanitaria da veciñanza. Á espera de que se concrete un programa alternativo, parece ser que que se vai centrar en actividades culturais e lúdicas que non entrañen un risco certo e permitan cumprir o establecido coa normativa de seguridade. No xornal da capital, vén unha noticia sobre a apertura da biblioteca de Xinzo, que abrirá novamente as súas portas mañá martes cando vostedes lean estas liñas. En horario de 9.00 a 14.00 horas e cunhas medidas de seguridade especiais: nove persoas de aforo máximo, luvas e máscara protectora para acceder ó recinto. Cómpre ser precavidos para non vermos repetindo nun futuro a situación actual.

VISITA DO CONCELLEIRO DE CULTURA Á BIBLIOTECA ANTELANA CO GALLO DO DÍA DAS BIBLIOTECASEntre as novas do día, está a da que teremos eleccións autonómicas ala polo mes de xullo.

A ver como organizan todo, pois non creo que se poida facer unha campaña normal, cos seus mitins, a publicidade en farolas, prensa, radio e TV e esa facultade dos políticos tan propia desas circunstancias que fai que semelle que poden estar en varios sitios ó mesmo tempo. En calquera caso, que sexan convocadas é case que tamén unha maneira de ir volvendo á normalidade. Esperemos que as autoridades pertinentes tomen as medidas oportunas para garantir a seguridade sanitaria.

Falando de seguridade, agardemos que sexa verdade o que se di en case todos os xornais, relativo á empresa estadounidense Moderna Terapeutics, que fai públicos os primeiros resultados positivos dunha vacina contra o coronavirus, unha carreira que ten lugar en distintos países do mundo, síntoma significativo do interese que representa a loita contra unha pandemia que xa levou por diante centos de milleiros de persoas

Hoxe botei toda a mañá na casa por mor do Erte. O rapaz tivo as súas clases a través da plataforma da escola en internet e a miña dona comezou xa a traballar, mais tamén cunha xornada algo reducida respecto da habitual. Cando o neno rematou parte das tarefas, a iso da unha fomos os dous mercar o pan. A mañá non deu para máis e a volta da panadaría, púxenme xa a preparar o xantar. Pola tarde volvemos a Moaña. Como non estamos alí, o pintor terá que aproveitar estes días para reparar unhas paredes danadas pola humidade. En fin, cousas esas da intendencia doméstica. Foi ó volver, cando soubemos, por medio dun correo electrónico, da idea da Xunta de Galicia de implantar un sistema de cita previa para a apertura das praias. Non podo xulgar se é unha medida axeitada ou non, pero teño unha dúbida importante: que pasará se o día que che concederon para ires, vén con chuvia ou mal tempo. Neste caso, haberá dereito a reclamación?

Rafael Laso Lorenzo ó