miércoles 27.05.2020

Estado de alarma. Día sesenta e sete

Falei onte aquí da apertura da biblioteca da miña vila. Hoxe souben que abrira de novo en Vigo a biblioteca Juan Compañel, da que son socio. Como tiña pendentes de devolver cinco libros que se ían prorrogando continuamente, chameinos para saber como andaba a cousa. Dixéronme que non me preocupase polo prazo de devolución, que todos os libros en préstamo tíñano prorrogado ata o mes de xuño e que podía lelos con calma. Como non se trataba diso, pois remateinos de ler haberá mes e medio, o funcionario explicoume que podía devolvelos cando quixera ben en presencial ou ben no caixón de devolucións dende a rúa. Xa de paso, indicoume o novo procedemento de préstamo. Ben por teléfono, pola plataforma da web ou ben presentándome na biblioteca levando título do libro e nome de autor, podía pedir libros. Iso si, avisaríanme cando estivesen preparados para ir recollelos pois seica os libros teñen que estar en corentena varios días antes de saír e despois de entrar.  Mañá aproveitarei para ir devolvelos. O de coller algún novo, quedará para outra ocasión, pois teño o costume de coller un libro ó chou, un par deles do montón de libros acabados de devolver polos lectores e algo da sección de novidades. En fin, unha teima coma outra calquera.

pajaro-secretario-contra-serpienteEsta situación que estamos a vivir, coido que nos empeza a pesar un pouco a todos, nenos e grandes. Son moitos días sen ver a familia, os amigos, sen que os pequenos xoguen cos seus compañeiros de clase. Así que é normal que sobre todo os rapaces, poidan verse superados pola situación. Eu mesmo boto de menos non ver xa a señora do anorak mostaza camiñar pola súa terraza. En fin, a ver canto queda, pois nalgúns xornais xa dan noticia de que o estado de alarma prolongarase polo menos outros quince días. Eu de momento non estou preocupado por iso, pois, tal como contei xa nalgún destes artigos, o importante neste caso e evitar que a infección se espalle. Aínda así comprendo xa que se dean situacións un tanto estrañas como esta de Vigo que vén hoxe nun xornal. Conta que un mozo atacou a golpes coas súas muletas á parella da policía local, que o multou porque ía canda a súa moza camiño da praia da Punta en Teis. O raro é que era a unha da mañá. Despois de varias escusas incribles, no intre de ser multado por saltarse os horarios do confinamento, emprendeuna a golpes de muletas cos axentes, en tanto que a súa moza, cuspíalles na cara. En fin, algo que non debería ser motivo de chanza, pero que vai dar que falar.

Algo que non saíu na prensa, pero ben que o merecía, é o suceso que me contou esta noite a miña nai. Resulta que o meu sobriño estaba na súa casa de Mondariz cuns amigos, descansando no xardín. De súpeto, sentiron un ruído grande na piscina que os asustou. Erguéronse das cadeiras e foron ver que acontecera. O que viron deixounos abraiados, pois había unha serpe no medio da piscina e non precisamente pequena, xa que logo medía case que un metro. Nun primeiro momento, ningún deles tiña explicación para aquilo. Se a bicha viñese reptando polo chan, non faría o estrondo que fixo ó caer na auga. Despois de varias suposicións, a única explicación axeitada tivérona cando sacaron o animal da auga. Estaba case morta e tiña a cabeza desfeita e non por culpa do golpe. Por tanto a única resposta posible por estraña que pareza é que caera do ceo, que se lle soltara a algún miñato ou calquera ave rapaz que non foi quen de soportar o peso da súa presa. A verdade que os rapaces (é un dicir, tanto o meu sobriño como os amigos andan xa na universidade) levaron un bo susto. Inda que podería ser máis grande. Só hai que imaxinar se chega a caerlle a algún enriba da cabeza.

Rafael Laso Lorenzo