jueves 1/10/20

Estado de alarma. Día sesenta e oito

Pois xa temos prorrogado o estado de alarma ata o día sete de xuño, despois da aprobación da proposta do Goberno no Congreso dos Deputados no día de hoxe, mércores vinte maio. Daquela quedan por diante dezaoito artigos máis desta serie que colleu seu nome do decreto. En fin, sairán (pasa sempre) algúns artigos mellores que outros, mais sempre coa intención de que vostedes, lectores que aturan estas liñas, se distraian un chisco das ocupacións e preocupacións cotiás.

1-27-2-13 022Lévolles contado aquí esta teima miña de ollar pola fiestra e ver que acontece do outro lado dos vidros. Así foron coñecendo a esa muller do anorak mostaza, o seu home, o seu veciño da bata azul e algunhas persoas máis que levo tempo sen ver. Non é que os bote de menos como boto á familia, son cousas distintas. Porén, acontece que cando escribes tan seguido sobre alguén (tanto ten que o personaxe sexa real como que non) acabas por encariñarte con el. Tamén lles contei que cando eu tiña que ir traballar e a miña dona estaba na casa, era ela que me mantiña informado dos ires e vires pola terraza do meu matrimonio favorito. Agora, temos outro James Stewart máis na familia. O pequeno, ou sexa, o noso fillo, acaba de incorporarse á saga. Conto o detalle. No seu cuarto ten unha mesa de estudo, onde segue as clases pola plataforma e fai as súas tarefas. A mesa está diante da fiestra, razón pola que ás veces pode botar unha ollada a rúa descansando do ordenador. Hai un par de días, contoume que vira pasar o mesmo camión de cinco a seis veces só pola mañá. Onte volveumo dicir, mais só o vira un par de veces. Hoxe no intervalo entre clases veu onda min para que ollase pola fiestra. Dicíame que era o camión do que me falara. Fun mirar e tratábase dun camión volquete, grande, con caixa de cor laranxa cuberta cunha lona azul. Supoño que será dos que prestan servizo nas obras de construción do centro comercial na estación do tren.

Tamén hoxe, o rapaz tiña que facer unha tarefa curiosa. Cando nola explicou non puiden deixar de botar un sorriso malicioso. Unha das mestras, pediulle que tiñan que debuxar o que vían ó través da fiestra do seu cuarto. Meu dito, meu feito. O rapaz debuxou un dos edificios fronte ó noso e a rotonda coa estatua de José García Barbón, un verinés emigrante en Cuba que retornado á súa terra fundou o Hotel Balneario de Cabreiroá e a Electra de Verín. Despois viu para Vigo, vivir canda a súa irmá e os seus sobriños, pois el non casou. Foi un gran mecenas para esta cidade (igualmente como o seu amigo Policarpo Sanz) á que lle deixou edificios como o Teatro García Barbón e a Escola de Artes e Oficios. Nesta zona onde eu vivo, os terreos de varios edificios, o parque actual e a zona do nó da autoestrada, formaban a finca de Vista Alegre, onde el tiña un palacete que era a súa residencia.       

Ó rapaz quedoulle bastante ben o debuxo. Pola noite houbo que facerlle unha foto e subila á plataforma de actividades escolares na que traballen. Vai ser un debuxo para a posteridade, pois en breve a praza vai ser remodelada. Agora mesmo, están a rematar a instalación das ramplas mecánicas no antigo bulevar da Gran Vía, obra con certa polémica. Alí van retirar a escultura dos redeiros, que a xente coñece polo nome de Os forzudos, unha obra doutro ourensán de pro: Ramón Conde.  A estatua sedente de García Barbón vai ser retirada do centro da praza e colocada no parque, e o seu lugar vaino ocupar a dos forzudos tirando da rede do peixe. A min particularmente non me gusta nada a idea, pero é o que hai. Cando foi da chamada Lei Mordaza, a figura do bo de don José tiña un simbólico pano arredor da boca. Como mañá é obrigatorio o uso de mascarilla na rúa, non me estrañaría nada que el apareza cunha posta.

Rafael Laso Lorenzo