lunes 30/11/20

Estado de alarma. Día sesenta e nove

Vexo nestes días tan problemáticos que hai cousas que non funcionan. Unha delas é o dato do paro. Lin na edición dixital do Faro de Vigo, que esta pandemia asestou un golpe moi duro ó emprego entre a mocidade menor de 35 anos. Nesa franxa de idade, as afiliacións baixaron case un 10% entre os meses de marzo e abril. En fin, de seguires así, a cousa non vai camiño do drama porque xa está nel. Outra cousa que non vai nada ben é as diferencias existentes entre os membros do Goberno. Deberían tomar nota, talvez, da prensa. Hoxe ata cinco cabeceiras (La Región, Faro de Vigo, La Voz de Galicia, El mundo e El país) coinciden en sacar na portada as declaracións da ministra e vicepresidenta Nadia Calviño sobre o absurdo que sería anular a reforma laboral. A min, o que me queda claro, é que vai haber lea con este asunto.

          O primeiro que fixen hoxe cando baixei a rúa para ir facer a compra, foi botar unha ollada á estatua de don José García Barbón, ese verinés do que lle falei onte aquí, para ver se alguén lle puxera un tapabocas. Gústame esta palabra, que escoitei hoxe a dúas persoas con acento suramericano que falaban entre elas. Despois vin que tamén se usa na prensa, mais a min non me ten cadrado vela. Pois resulta que non, que non lla puxeron. Supoño que non a necesita, xa que con tanto gas de tubo de escape como recibe todos os días, non creo que agora vaia caer contaminado de coronavirus. Así como en Pamplona polo San Fermín, ó busto  do escritor Ernest Hemingway colócanlle todos os anos (este non sei se poderá ser) un pano vermello arredor do pescozo, como o que levan os mozos e que seica representa o sangue derramado polo santo no seu martirio, aquí nesta cidade hai xente un pouco máis orixinal. Lembrarán que lles falei onte desa escultura que lle chaman Os forzudos. Representa un grupo de mariñeiros turrando dunha rede de peixe. Algúns deles van sen roupa. Un ano, a alguén se lle ocorreu vestilos. Mais o único que fixeron foi taparlle o cu a todos cunha tea ou plástico branco (detalle que non lembro ben), co cal quedaron todos como se levasen cueiros. A cousa era, dende logo, moi simpática.

Pola mañá, despois de rematar a clase, o rapaz viu comigo ó supermercado. Xa de volta na casa, púxose coas tarefas escolares. Falando con el, explicoume que se ía pór coas de lingua galega. Que cando as rematase, chamaríame para que as lese. Cabo dunha hora, rematou. A tarefa consistía en escribir unhas historias curtas tomando como base uns apuntes que se daban como datos. Recoñezo que a este paso, e a pouco que se esmere, vai escribir mellor ca min. Sobre todo ten unha cousa fundamental á hora de escribir: imaxinación.

Tanto pola mañá cando saímos á compra, como no paseo da tarde, puiden apreciar que a grande maioría da xente que se ve pola rúa fai uso da mascarilla. Son poucos os que non a levan. E tamén algúns van con protección dobre, pois levan unha pantalla facial de protección. Parece ser que neste asunto, a xente está a ser máis responsable que co asunto das terrazas.  Veño insistindo moito niso, porque me parece algo necesario para o ben común. Para exemplo, o da Comunidade Valenciana, que suspende o plan de desescalada porque observaron unha medra dos casos. Veremos que vai pasar co asunto das praias, porque aí xa algúns concellos din que non teñen medios para vixiar, impedir ou combater as aglomeracións. Non acontece iso co concello de Baiona, turístico onde os haxa, que no verán é un fervedoiro de xente de todas as partes. Parece ser que os responsables municipais da cousa, téñeno claro dabondo: instalarán contadores de persoas. Eu non sei se tal idea será efectiva ou non, pero de levala a cabo, desexo de corazón que lle funcione.

Rafael Laso Lorenzo