domingo 05.07.2020

Estado de alarma. Día setenta e dous

Para ese amigo do que falei onte aquí e mais para min, este domingo 24 de maio, ten un aquel especial. O noso admirado Bob Dylan celebra hoxe os seus setenta e nove anos. Nacía en Duluth, unha cidade do estado de Minnesota e dende alí, espallou a súa música por todos os lugares do mundo. Con máis de 125 millóns de discos vendidos, unha chea de premios Grammy, o Globo de Ouro, o Óscar, o Príncipe de Asturias, o Pulitzer, o Nobel, este home (admirado por uns, odiado por outros) aí segue ó pé do canón. Durante o xantar de hoxe, a miña dona e mais eu comentabamos que, con todo conseguido e feito na súa vida, era de admirar que case a volta dos oitenta anos, seguise a dar concertos por todo o mundo co seu Never Ending Tour (malia que el non é moi amigo deste nome) a unha media de cen por ano dende 1988. Neste 2020 esperaba continuala por locais de pequeno aforo nos Estados Unidos, pero supoño que estará na súa casa de Malibú recluído por mor da pandemia do coronavirus. Polo que sae na prensa, está aproveitando o tempo para compoñer novos temas e xa publicou gratuitamente tres temas que van estar incluídos no seu novo disco que verá a luz dentro de poucas semanas, no vindeiro mes de xuño. Dende estas liñas, un feliz aniversario e que siga así por moitos máis.

3707094MasterHoxe volvemos pasar o día á casa de Moaña, para deixala recollida e preparada para o pintor, que irá por alí este martes para arranxar os danos causados por unha filtración de augas por mor dunha tella rota. Cousas que teñen as casas, que sempre requiren atención aquí ou acolá. A media tarde, baixamos dar unha volta co rapaz polo paseo que percorre as beiras da praia. Está moi ben preparado, cunha senda peonil e outra para bicicletas. A camiñada, permitiunos comprobar que están reformando o parque infantil da alameda de Samertalomeu e mellorando a praia de pouco máis adiante.  Non vimos moita xente. Talvez pola hora e polo calor. A verdade é que lucía un sol radiante.

Falando de sol, quero lembrar aquí a un grande da ciencia, Nicolás Copérnico, que finou un 24 de maio do ano 1543. Deixounos a tería heliocéntrica, que destronou á ata entón máis aceptada, a xeocéntrica que poñía á Terra no centro do Universo. Copérnico corrixiu ese erro e, dende entón, ese centro está ocupado polo Sol.

Para rematar este artigo de hoxe, quero facer unha reflexión: é nos malos momentos onde as persoas tiramos o mellor de nós. E, en tempos como os que estamos a vivir, sempre hai persoas dispostas a pensar primeiro nos demais. Non sei se lembrarán que, hai xa algún tempo, falei aquí dun compañeiro e amigo cuxo pai finou afectado pola doenza do Alzheimer, que é lector destes artigos. Agradeceríalle ós estimados lectores destes artigos que procuren en Google o seguinte: “Mammascarillas, lo mejor para tus mejillas”. Seguramente lles saia un enlace a un artigo de La Voz de Galicia ou a Instagram, onde poderán ver un fermoso vídeo feito polo fillo deste amigo meu, coa súa nai Asunción como protagonista xunto coa súa máquina de coser Singer. Falo disto aquí hoxe, porque esta muller, dona do meu amigo, leva feito dende a súa casa máis de novecentos tapabocas para doalos á fundación do Colexio Hogar. Hai moitos heroes que non voan nin levan capa ou traxes axustados. Hai heroes que non saen nos cómics. Os heroes desta época non se dedican á política, están vestidos de branco nos hospitais. E, ás veces, tamén nas casas, como Asunción. Para ela, para todos eses heroes anónimos que non saen na prensa, vai hoxe o meu agradecemento e unha aperta de corazón.  

Rafael Laso Lorenzo