viernes 05.06.2020

Estado de alarma. Día setenta

Hoxe o rapaz non tivo clase. No calendario escolar, para este venres xa estaba prevista a festa propia do colexio. Como a escola está pechada e teñen as clases vía internet (este é o segundo ano que non usan libros, teñen un miniordenador portátil tipo Chromebook, polo que se conectan estes días entre eles e cos mestres) os profes organizaron unha festa virtual. Fixeron un concurso de catro bloques de vinte preguntas cada un, nas que había que escoller unha resposta verdadeira entre as varias opcións que se daban. A participación era voluntaria, pero coa condición de que tiña que ser por grupos de entre catro e seis compoñentes, podendo estes ser de ambas as dúas aulas (A ou B) de cada nivel de primaria. O grupo de meu fillo era totalmente paritario: tres rapazas e outros tantos rapaces. Non gañaron, pero o importante era participar e pasalo ben. Neste caso debeu ser así, pois botaron case tres horas no concurso. Había preguntas moi orixinais, como esas nas que presentaban unha fotografía, xa fose dun bebé, neno ou un adolescente, e tiñan que adiviñar a que profesor ou profesora correspondía.

Esta semana houbo algunhas noticias interesantes, non polo contido informativo en si, senón polo que as rodea. E non son noticias do mundo da política, dos negocios ou mesmo da pandemia de coronavirus. Unha delas ten que ver co patrimonio cultural da miña vila. Cando publiquei O trasmundo de Antioquía, alá polo ano 2009, empezaba a tomar corpo a miña modesta carreira como escritor. En concreto, era a miña terceira novela e non imaxinei todas as actividades promocionais nas que me ía ver envolto. Lembro que me chamaran para gravar un programa de televisión e pedíronme que escollese os lugares para a mesma, a ser posible que tivesen relación coa novela. Eu non o dubidei e viñemos facelo a Xinzo, pois non podía ser doutra maneira. Logo de que o equipo do programa, co seu presentador Manolo Romón á cabeza, me convidase a xantar, fomos gravar. Fixémolo na igrexa vella, tanto diante da fachada como no seu interior, e tamén no mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras. Gardo na memoria o abraio de todos os compoñentes do equipo de realización do programa ó coñecer ese magnífico lugar do que todos os limiaos nos debemos sentir orgullosos. Por iso, aledeime moito ó coñecer esa noticia da firma pola alcaldesa Elvira Lama e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil, José Antonio Quiroga, do convenio para a restauración do sistema de abastecemento de auga do mosteiro e o seu entorno.
Outra noticia que me chamou a atención foi a da definitiva entrada en vigor da prohibición de comercializar tabaco mentolado, algo que xa a Comisión Europea aprobou no ano 2016 cunha moratoria que venceu o mércores pasado. A idea era evitar que o tabaco resultase atractivo para os máis novos, algo contrario á miña experiencia. Eu non son fumador, nunca fumei, agás unha vez. Cando eu era rapaz, camiño da adolescencia, as vodas eran o acontecemento social para que os máis novos fumasen ás agachadas un daqueles pitos “roubados” discretamente nalgún dos paquetes cos que, segundo o costume da época, o padriño adoitaba agasallar ós homes. A miña única experiencia co tabaco foi nesas circunstancias. Foi tan forte, que nin eu nin ningún dos meus amigos que estabamos naquela voda, fomos nunca fumadores. Hoxe, pasados os anos, vexo normal que así fose. Nunca se me esquecerá aquel paquete que collemos para probar a experiencia.  O seu envoltorio verde e branco, coa estrela símbolo da neve gravada en dourado. Moitos de vostedes, prezados lectores que seguen as historias destes artigos, saberán perfectamente de que tabaco falo. Era un Rocío Mentolado

Rafael Laso Lorenzo