martes 14.07.2020

Estado de alarma. Día setenta e cinco

Neste paseo pola década dos setenta no que andamos por mor do número destes artigos, o ano 1975 ocupa, para mal, un lugar na miña memoria daquel neno de dez anos que fun e do home que son hoxe. Foi o ano no que finou o meu avó Rafael Moca, como era coñecido en toda a vila, o zapateiro pai de zapateiros, irmán de zapateiro e fillo de xastre. Todo o que gardo del son boas lembranzas, ademais da súa máquina de coser zapatos, un agasallo que me fixo meu pai e que me fixo moita ilusión. Non funciona, pois camiña cara os cen anos de existencia. Pero restaureille toda a pintura e ocupa un lugar preferente na sala da miña casa de Moaña. Tiña a zapataría a carón da igrexa vella, que logo herdou meu tío, o Toniño como lle chamaba todo o mundo, outro Moca de sona en Xinzo polas súas mañas como xogador de chinchón e, sobre todo, pescantín de ras. E sendo eu un rapaz, tiráballe ó meu avó da banquilla toda a ferramenta de traballo, que eu ía pousando fóra no chan da rúa, ata que el, todo paciencia, ía recollela, porque eu esa parte do xogo non me gustaba nada. Cousas de nenos.

cinescape-0x0-229603Nese ano, aconteceu a morte de Franco. Como eu daquela era un neno, non acadaba a comprender a dimensión de tal noticia para os adultos. Nin eu nin os meus compañeiros de escola estabamos preocupados por se o home que mandaba no país morrera ou non. Con dez anos, pensas noutras cousas. Eu andei amolado por non poder ir a escola, porque era algo que realmente me gustaba. E tamén (aquí estabamos de acordo toda a rapazada da vila, non eu só) traumatizado porque suspenderán a televisión, un drama total e absoluto porque non puidemos ver o episodio de Heidi, a famosa serie de debuxos animados. Dende logo, baixo a nosa mentalidade de nenos, se a morte daquel señor era quen de suspender a televisión, entón era que o home tiña moita importancia. Cando fun máis grande, lendo sobre a cuestión, souben que por mor do loito oficial, suspenderan provisionalmente a emisión do capítulo 26 da serie que se pasou ó domingo día 23 de novembro. As crónicas da época din que á xente non lle gustou esa mudanza, e que TVE recibiu tal volume de queixas (daquela facíanse por carta) que os programadores da televisión tiveron que repoñer o sábado seguinte ese episodio canda o número 27. Vamos, que houbo programa dobre. Unha marabilla.

Reiterando o dito anteriormente, respecto de que no 1975 as reclamacións eran todas por carta vía correo ordinario. Hoxe en día, serían por correo electrónico. Naquel ano, este aínda non se inventara, mais si que se puxo a primeira pedra dos alicerces do que hoxe son as TIC. Daquela, dous mozos fundan unha das empresas que hoxe é un dos xigantes tecnolóxicos. A empresa en cuestión chámase Microsoft e foi fundada por dous visionarios: Bill Gates e Paul Allen.

Hoxe, gracias a eles e a moitos outros, este artigo que escribo case a unha da mañá, estará en cuestión de segundos no xornal unha ve que remate a súa escrita. Así vostedes, amables lectores, teñen puntual información destas andainas miñas na época do coronavirus. Estes días non teño noticias da muller do anorak mostaza, non a vexo. Cando saio mercar o pan, paro no semáforo e ollo para a terraza dela, pero a imaxe que contemplo é a das persianas baixadas, talvez estes días, por mor de tanto calor. 

Estes días, vou seguindo pola prensa os aconteceres dos políticos no parlamento. A min, tal como anda o patio, paréceme case unha película de terror. Falando de película de terror, dous actores dos grandes, Vincent Price (O príncipe do terror) e  Cristopher Lee (o mellor Drácula da historia) estarían hoxe de aniversario. O primeiro 109 anos e o segundo 98 anos. Que xa son anos.                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                              

Rafael Laso Lorenzo