lunes 06.07.2020

Estado de alarma. Día setenta e oito

Hoxe pola mañá (sábado), despois de almorzar, preparamos as cousas e viñemos pasar a fin de semana á casa de Moaña. Cando chegamos, deixamos o coche na casa e baixamos para ir mercar peixe á praza. De camiño, como é sábado, pasamos pola feira, pois os postos dos feirantes ocupan o paseo marítimo, chegan ata o mercado e seguen un pouco máis alá ata o aparcadoiro. Tíñalle prometido ó rapaz que mercaríamos pan de millo, nun posto que hai na propia praza, onde o teñen moi bo. Xa con el na bolsa, non fun quen de deixar pasar a oportunidade de mercar queixo de tetilla nun dos postos da feira. Foi a miña sobremesa despois de xantar.

spacex-lanzamiento-cohete-claves-entender_4_0_950_591Con todo, esta feira non é como a da miña vila de Xinzo. Aquí só hai postos de roupa e calzado, dous ou tres de plantas, dous de venda de xamóns e embutidos, un ou dous de queixo e bacallau e algún outro por aí solto. Non hai postos de maquinaria agrícola, nin de trata de gando e tampouco pulpeiras. Queda como un mercadiño un pouco grande. Porén, a min gustoume recuperar o costume de pasear pola feira despois de tantos meses sen poder facelo. En xeral a xente (agás algúns) mantiña as distancias e tomaba as precaucións necesarias recomendadas.

Aproveitamos a mañá para as compras e mercamos varias plantas para o xardín. Pola tarde, a miña dona dedicouse a arranxar unha zona deste, en tanto eu cortaba unha árbore na traseira da casa que só nos ocasionaba trastornos. Rematei preto das oito da tarde, tempo xusto para darme unha ducha e marcharmos toda a familia dar unha volta polo paseo. O meu fillo aproveitou para baixar o patinete e dar unhas voltas con el. Había moita xente paseando e moita outra en grupos. Desta vez, si que moitas das persoas non gardaban sequera a distancia social e nin levaban mascarilla. Está visto que neste asunto, coma noutros, sempre vai haber comportamentos irresponsables.

Ó longo do día, seguín con interese o acontecemento do lanzamento do Space X cos seus dous tripulantes. Pola mañá, vindo no coche para Moaña, escoitamos que había posibilidade de ver o foguete contra a noitiña. Eu saín un par de veces ó xardín, coa esperanza de velo atravesar o ceo. Como non nos quedara moi claro o tema do horario, deixei de intentalo. Porén, despois de cear, o neno e mais eu estivemos vendo o despegue por internet. É algo que impresiona, mais eu recoñezo que non valería para astronauta. Nesta viaxe, van estar preto de 20 horas ata chegar á Estación Espacial onde quedarán un tempo aínda  por determinar. Eu non sería capaz de ir pechado nunha nave durante case un día enteiro. En calquera caso, este lanzamento por parte da compañía de Elon Musk, coincide (por causa do mal tempo, todo hai que dicilo) co día de 1975 no que comezou a funcionar a Axencia Espacial Europea.

Con todo, este artigo de hoxe fai o número 78, pero seguirán, pois acabo de ler na prensa que o presidente do Goberno chegou a acordos co PNV e Esquerra Republicana para garantir a aprobación dunha nova prórroga. Moitos anos atrás, en 1978, os políticos deste país puxéronse de acordo e botaron adiante unha Constitución que, corenta e dous anos despois, segue vixente.                            

                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                            

Rafael Laso Lorenzo