lunes 06.07.2020

Estado de alarma. Día setenta e nove

Cando comezo a escribir este artigo son exactamente as doce menos vinte da noite deste domingo ó que lle cadrou pechar o mes de maio. E neste mesmo intre escoito os tronos esbourar na noite. Chegou o trebón e canda el unhas bategadas inmensas de auga. Non me resisto a achegarme a fiestra para ver caer a chuvia, escoitar o son dos tronos e agardar polos relampos dos lóstregos. Estes, compañeiros fieis do trebón, non tardan en aparecer.

IMG-20200601-WA0001Malia que estas cousas son de ir e vir, a noite vaise presentar ruidosa e pasada por auga.
Lembro que as fiestras da terraza da cociña están abertas e vounas pechar. O noso edificio ten esa zona das terrazas cuberta de lamas metálicas, para unha maior intimidade, pero que non impiden a entrada da auga se esta vén acompañada de refachos de aire. Cando chove con forza, como arestora, as pingas fan saír das lamas unha melodía musical.
Hai cousas que tes cando vives nunha vila ou nunha aldea, que non tes cando vives na cidade. En Vigo, vivo nun edificio onde somos noventa e nove vivendas. Teño que confesar que despois de levar vivindo nel quince anos, hai veciños ós que non coñezo e que nunca vin. Creo que en edificios grandes coma este, esta circunstancia vén sendo habitual. Porén, en Moaña, coñezo a todos os veciños arredor de min e sei cousas da súa vida o mesmo ca eles saben da miña. Como proba, gardo sempre un suceso acontecido ó pouco tempo de mercarmos a casa e estando a facer a obra da reforma. A miña veciña da casa máis abaixo da nosa, cada vez que eu ía ver como marchaban as obras, contábame vida e milagres do que acontecía: cantos obreiros viñeran, se viñera o camión dos materiais, se trouxera un palé de ladrillo ou dous e cousas polo estilo. A pobre muller, á que lle teño moito aprecio, hoxe non está para esas historias. Afectada de Parkinson e con principios de demencia, xa non nos coñece. Outra desas cousas para contar, aconteceume hoxe a mañá. No artigo anterior faleilles de que andei a cortar a árbore da parte traseira da casa. Corteille todas as canas e deixei o toro, ata unha altura de máis menos dous metros. A idea era cortalo cunha serra potente, cando a conseguise. A iso de media mañá, apareceron pola costa os meus veciños da casa seguinte a nosa. El viume recollendo en sacos toda a ramaxe da árbore e, vendo o toro limpo, dixo que ía buscar a súa serra de gasolina para cortalo. Meu dito, meu feito, apareceu en nada e puxémonos ó asunto. Co toro no chan, dixo de cortalo en cachos pequenos “rachas tamaño churrasco” foron as súas palabras. Pregunteille se el tiña asador e o dicirme que si, díxenlle veña, cortamos, pero douchas todas. En dez minutos deixamos todo listo e quedamos para tomarmos un viño cando eles xa estean vivindo na casa. A ver se lles poñen pronto a cociña, porque teñen moitas ganas de mudarse. Cousa normal, pois non é o mesmo vivir nun piso que nunha casa, por moito traballo que esta dea.

Ás doce e media baixamos toda a familia para dar unha volta e mercar o pan. Hai un sitio, no que teñen un pan moi do noso gusto, da panadaría de Cal Barral, os familiares do campión olímpico David Cal. Como vimos que a terraza do Pósito, o bar da Confraría de Pescadores estaba aberta e había sitio (dadas as circunstancias, coidabamos que non sería así, pois antes da pandemia, topar unha mesa baleira é imposible sen gardar cola, pois o local ten merecida sona polos pinchos que poñen), sentamos a tomar algo, por vez primeira desde que está permitido. Ficamos abraiados, e para ben, coas medidas que tomaron. A zona de mesas está coutada con cadeas e só hai un acceso. Para entrar, hai que agardar a que che boten desinfectante nas mans. As mesas, están separadas entre elas sobre tres metros e retiraron os xornais. Non nos importou, estar alí de parola a carón do mar é algo que non ten prezo. O rapaz deu boa conta das croquetas. A min, a copa de Condado branco que pedín acompañada dun pincho de arroz con zamburiñas, fíxome esquecer dúas cousas: que mañá teño que ir traballar e que me quedaban moitos sacos por encher coas pólas da árbore.                                                                                                                                                                                                                                              

Rafael Laso Lorenzo