Estado de alarma. Día trinta e oito

unnamed
Estado de alarma. Día trinta e oito

Hoxe coñecín a boa nova de que na provincia de Ourense non houbo mortos. Tamén que baixou o número de falecidos en España por mor do coronavirus. Dentro do que cabe, malia que calquera morte sempre é unha desgracia irreparable, esperemos que de aquí a unhas semanas a cousa vaia mellorando. Agardo con certa impaciencia e inquietude unnamedo día 27, que xa sei que non haberá feira na miña vila, polo que poida deparar ese día. Impaciencia, porque é o día que se lle vai permitir saír á rúa ás crianzas. Máis dunha botará unha boa carreira pola rúa en canto a pille. Desexo que polo menos esa semana non chova. Inquietude, porque non se sabe ou porque non está nada claro de como vai ser esa saída. Polo que sei, a día de hoxe todo son especulacións.

Se a moitos dos lectores deste xornal lles preguntásemos que escollesen unha palabra para definir este tempo que estamos a vivir, creo que facendo un pouco de adiviño atrévome a dicir que escollerían a palabra pandemia. Porén, se vostedes me fixesen esa mesma pregunta a min, eu escollería a palabra coa que finalicei o parágrafo anterior. Especulación, tanto me ten en singular como en plural.

Explícome. Nada sabemos con certeza da orixe do virus, nada. Que se saíu dun laboratorio, que se dun animal, que se dun fallo humano. Nada de nada comprobado polo momento a día de hoxe. Inda que, segundo o meu fillo, é unha represalia do planeta polo mal que o tratamos. Todo especulacións. Nada sabemos aínda dunha vacina, dun tratamento. Máis adiante sabemos que se conseguirá e que talvez quen o faga poida recibir ata o Premio Nobel. As posibilidades actuais non deixan de ser posibilidades, especulacións. Lemos todos os días na prensa (ben certo, que máis hai unhas semanas que hoxe) a falta grande de medios de protección (os tan chamados EPIs, equipamentos individuais de protección) as famosas mascarillas, luvas, pantallas faciais, traxes e batas clínicas. Os que hai, acadan xa uns prezos elevados, que ata se sabe que o goberno vai intervir no asunto para evitar a indefectible alza de prezos consecuencia da... especulación. Se teño que seguir a falar, non podo esquecerme dos famosos test de proba. Non hai suficientes. Chegan tarde e mal, ou sexa defectuosos. Hai que devolvelos ou cambialos. A xente, as persoas, agardando por eles como pola auga de maio. Uns que se son fiables e outro que non. Hai para uns e non para outros, laboratorios privados que fan as probas a uns prezos para quen os poida pagar. Cos test, que queren que lles diga, tamén hai especulación.

Crack-del-87A especulación levou ó famoso luns negro do ano 1987, unha crise mundial provocada pola caída da bolsa e a perda de máis de medio billón (si, con B) de dólares nese luns 19 de outubro, nesa crise que a día de hoxe aínda ninguén soubo aclarar.

A especulación arrastrou o 29 de outubro de 1929 ó tamén famoso martes negro, o crack do 29, a liquidación daquela época que se deu en chamar os felices vinte. Aquela desfeita na bolsa neoiorquina levou canda si ó resto do mundo e meteuno de cheo no período que pasou á historia como a Gran Depresión.

Non sei que vai pasar cando toque erguer a cabeza despois desta pandemia. Imaxino que viviremos unha época dura. Negocios que pecharán, empresas que non serán capaces de saír adiante e un número inxente de persoas nas listas do paro. Dirán vostedes que isto tamén é unha especulación, pode ser, mais é ben certo que foi o que aconteceu en todas as crises anteriores. Porque esta, malia comezar sendo unha crise sanitaria, remata por se converter tamén nunha crise económica. Como nas veces anteriores, tocará remar todos xuntos para que o barco non encalle nos penedos. E aí, nesas circunstancias, non deberemos especular co esforzo. Como tampouco o fai a miña veciña do edificio fronte ó meu, que camiña e camiña intensamente na súa terraza. Iso si, hai uns días que non a vexo co anorak mostaza.

Rafael Laso Lorenzo