lunes 30.03.2020

Estado de alarma. Día cinco.

O edificio onde vivo ten un longo corredor central que o divide simetricamente. A cadanseu lado do mesmo hai Distancias-seguridad-pagar-Carrefour-Holea_1446766103_118599928_667x375unhas escaleiras para subir ou baixar, segundo se mire ou se necesite. Onte a noite, cando ía levar o lixo ó contedor da rúa, atopeime cun veciño, tamén da miña terra da Limia, que me comentou, riseiro el, que, en todos os anos que levaba vivindo no edificio, nunca vira tanta xente subindo e baixando as escaleiras. Nótase que o illamento nos pisos crea necesidade de estirar as pernas, díxome. Non llo nego, se non podemos máis que estar recluídos nas casas, non vén mal aproveitar para facer algo de exercicio indo tirar o lixo.

O ano pasado, polo meu aniversario, a miña dona agasalloume cunha pulseira de actividade, coa idea de que puidese controlar a miña tensión arterial. Confeso que, tras das miñas dúbidas iniciais, hoxe ando sempre con ela e ata lle tirei máis utilidade que a prevista. Agora podo comprobar os pasos que camiño, as calorías que queimo, os quilómetros que percorro ó longo do día e algunha que outra cousa máis que non lembro. Debo dicir, sen ser un obsesionado desas cousas, que nestes días de reclusión forzosa que estamos a vivir, vén ben saber o exercicio que facemos.

Hoxe, seguindo o criterio e recomendacións marcadas polo goberno, só saín da casa dúas veces. A primeira, sobre as sete e media da tarde, despois de rematada a miña xornada de teletraballo, para ir mercar no supermercado as cousas necesarias para o xantar de mañá. A segunda, a iso das once da noite para tirar o lixo. Cando cheguei ó super, tiven que gardar cola: eramos como seis ou sete persoas, separadas sobre dous metros e agardando no beirarrúas a nosa quenda (cómpre dicir que antes de entrar, tiñamos que agardar que saíse algún cliente dos que xa estaban dentro). A volta da compra, cadroume coas oito da tarde, intre no que a xente saíu ás fiestras e balcóns para aplaudir. Sentilo tan preto de min, impresionoume.

Na segunda saída, para baixar o lixo, a rúa estaba deserta, solitaria. Entrei no portal cavilando nesta situación que estamos a pasar. Comecei a subir as escaleiras e acordei, non sei moi ben polo que, de tres torres nas que teño estado: a torre de Hércules, cunha escaleira de 242 chanzos; a torre de Pisa, cun número máis redondo, 300 chanzos; e a gran dama, a torre Eiffel cos seus 1665 chanzos. Cando cheguei ó piso onde vivo, un sexto, dei en pensar cantos días necesitaría neste tempo de encerro para subir ó alto da fermosa torre de París e volver baixar. Non moitos. Da miña casa ó portal, só teño 91 chanzos. Daquela, darame tempo a facelo unhas cantas veces.

Rafael Laso Lorenzo