lunes 28/9/20

Estado de alarma. Día nove.

Segundo domingo da miña vida (e supoño que da de moitos de vostedes) que paso pechado na casa. E os que virán, pois o día comezou coa nova da prolongación do estado de alarma en todo o país por outras dúas semanas. A ver como vai a asunto, espero que a imaxinación me acompañe para catorce artigos máis.

tareas de casaMañá luns volverei novamente á rutina do traballo dende a casa. Vantaxes da tecnoloxía que permite estas cousas. Por certo, falando de tecnoloxía, esta tarde acordei dun amigo e antigo compañeiro de traballo que nos dicía que el non cría en Deus, mais cando tiñamos que facer unha videoconferencia por Skype quedaba abraiado diante da pantalla e dicía que vendo esas cousas, estaba seguro de que Deus existía.

Hoxe foi un día de moita tarefa doméstica, esas cousas que sabemos que debemos facer mais sempre imos adiando, para un intre que se prolonga no tempo ata que non nos queda máis remedio. Pasamos case toda a tarde sacando cousas dos caixóns, revisando, limpando e volvendo colocar, non sen antes desbotar aquilo que xa non nos é de utilidade. Resulta abraiante a cantidade de cousas que fican esquecidas no fondo de caixóns, gabetas e armarios. Supoño que a máis de algún lle terá acontecido atopar algo nun caixón, algo que talvez nin sequera lembraba ter.

En toda a tarde non deixei de escoitar noticias preocupantes sobre a situación do país a conta do coronavirus e a súa drástica evolución, tanto no número de infectados como no de mortes. En fin, un drama. Porén, alédame saber que por todas partes a xente está concienciada do problema e fica nas casas (agás uns poucos casos illados), que unha morea de empresas dedican os seus recursos para aprovisionar de material á sanidade pública, que a mocidade inviste o seu tempo en botar unha man a eses anciáns confinados na casa, facéndolle e levándolle a compra, que hai moita xente axudando a outra moita. En fin, que unha onda de solidariedade percorre o noso país en todas as direccións. Cousas así, fan que nos poidamos sentir orgullosos da xente que temos arredor. Xente que, por outra banda, non deixa de artellar ideas para pasar o tempo e poder levar mellor o encerro. Nunha das miñas saídas de hoxe á terraza, fixeime que os veciños do piso por baixo do dese matrimonio do que falo aquí, montaron tamén no salón unha bicicleta estática. Da gusto mirar para ese edificio, pois sempre hai algo que ver que chama a atención.

Mais non vaian pensar que é só nese edificio. Souben pola prensa que nun deles, próximo ó estadio de Balaídos, a xente sae cantar a Rianxeira. Ou que o artista Toni Lomba, actúa todos os días dende a terraza do salón na súa casa do barrio mariñeiro de Bouzas. Mais iso non é nada comparado cun edificio enteiro do que di a Voz de Galicia que se converteu case que nunha discoteca e que se ilumina como se fose Nadal e soa a música a todo volume.

No meu edificio a tanto non chegamos. Supoño que a música escóitaa cada un na súa casa. A min, por exemplo, gústame facelo cando escribo. Eu só espero que pasemos estes días da mellor maneira póndolle á vida unha cara positiva. Como o matrimonio que pasea na terraza. Por certo, el hoxe non saíu nin sequera á hora dos aplausos. Ela si, pero cando xa remataran. Fixo un paseo curto, nin sequera cinco minutos, co móbil na man e co seu inseparable anorak de cor mostaza. A verdade é que a esa hora xa ía algo de fresco.     

Rafael Laso Lorenzo