lunes 28/9/20

Estado de alarma. Día seis.

É o primeiro día do pai que tan só felicito ó meu por teléfono, por mor deste illamento forzoso que nos ten a todos enclaustrados. Menos mal que as videochamadas por Whatsapp solucionan o inconveniente de non poderes ir ver ás persoas que queres.

124034Hoxe pola mañá, namentres facía unhas correccións na novela que en breve sairá publicada por capítulos neste xornal, a sirena dun coche da policía, primeiro, e o seu megáfono, despois, tiráronme da cadeira do despacho no que escribo. Era un coche patrulla, no que, dende o interior do coche, un policía nacional chamaba a atención daqueles que estaban no parque incumprindo a orde de quedar na casa. Está visto que por todas partes hai xente que, a máis de irresponsable, é insolidaria. En fin, alá cada un coa súa conciencia e coas multas ou sancións que lle impoñan.

O que máis me chama a atención deste encerro forzoso é que me está a entrar certo complexo de James Stewart, salvando as distancias. Supoño que todos vostedes coñecen a película de Alfred Hitchcock La ventana indiscreta, na que o actor interpreta a Jeff, un fotógrafo confinado no seu apartamento por mor dunha perna rota e que observa os seus veciños ó través da fiestra. A cada un deles, vaille poñendo nomes curiosos: a bailarina Miss Torso, unha muller solteira Miss Corazón Solitario... Para rematar sospeitando de que o veciño Lars Thorwald asasinou a súa dona prostrada na camada. En fin, non vou contar a película enteira, onde conta coa axuda de Lisa, a súa noiva, interpretada por Grace Kelly.

O caso é que, unha das veces nas que fixen un alto nas tarefas domésticas ás que nos dedicamos hoxe na casa, vin a muller da que lles teño falado aquí, paseando de novo pola súa terraza, desta volta, soa, sen libro e sen marido. Máis que pasear, adestraba, como o boxeador interpretado por Sylvester Stallone na película Rocky. Abrigada co seu anorak de cor mostaza, ía e viña correndo pola terraza, paraba, e cos brazos daba puñazos ó aire, no mellor estilo puxilístico. Despois volvía parar un intre e erguía e baixaba os brazos pegándoos o corpo. Deixei de contemplar semellante sesión de adestramento, para mergullarme de novo nas tarefas da casa.

Xa contra a tardiña, namentres remataba as correccións da novela, foi miña dona a que me avisou para que botase unha ollada pola fiestra. Desta volta, a parella volvía estar xunta, bailando na terraza. Eu, que son un negado para o baile, debo recoñecer que daba gusto velos bailar tan compenetrados. Mesmo algunhas persoas lle tiraron fotos e os gravaron en vídeo. A min pareceume moi ben que bailasen, pois nestas circunstancias cada quen divírtese como pode. Na película, James Stewart descubriu o que quería dende a súa fiestra. Eu non, pois houbo unha cousa que non puiden facer: escoitar a música coa que bailaban. 

Rafael Laso Lorenzo