martes 29/9/20

Estado de alarma. Día sete.

Hoxe choveu. Cando me erguín a iso das sete e media da mañá, xa chovía. Non me preocupei, pois a min gústame a chuvia. Sobre todo cando estou a escribir, pois neses intres en que fago un alto é para achegarme a fiestra e contemplar como chove. O meu primeiro pensamento do día foi para esas persoas ás que non lle gusta a chuvia, xa que hoxe tanto tiña se chovía ou non. Total, non se pode saír da casa.

lluvia-cae-sobre-ventana-verde_70626-10392Hoxe foi o derradeiro día de teletraballo desta semana. Cando penso no feito de traballar na casa, o maxín voa cara o meu fillo e esa rapazada toda que, coma el, ten que estar pechada na casa. Nenos e nenas ós que lles hai que procurar unha ocupación, porque non todo vai ser consola ou tablet. Non quero imaxinar que acontecería se a máis do que hai, fallase internet.

Sobre as sete e media da tarde parei de traballar e para despexar a cabeza un pouco, púxenme a facer bicicleta estática. Como pedalear nun sitio pechado é tremendamente aburrido, namentres o facía aproveitei para ler. Estou cunha novela de Juan Cruz que se titula El niño descalzo e que trata sobre as lembranzas da nenez. Unha marabilla na que atopei dúas frases excelentes: “La vida son los instantes vacíos” y “No hay tiempo sino recuerdos”. Frases que ben podemos aplicar a estes días que estamos a vivir, inzados de horas, minutos e segundos baleiros, que devalan pola esfera do reloxo sen que as saibamos encher. Porén, cando este tempo remate, todo quedará só como unha mala lembranza.   

As oito da tarde, a miña dona, o meu fillo e máis eu saímos á terraza do salón para aplaudir. Debo dicir que hoxe, namentres aplaudía, na miña mente estaban o meu fillo e demais rapaces e rapazas que ben merecen tamén o noso aplauso, por aguantar sen chistar todo este encerro. Son como os profesionais da sanidade, da policía, de toda esa xente que está a dalo todo polos demais: uns verdadeiros campións.

Debo confesar que estou certamente preocupado polo avance da pandemia. Dentro das circunstancias, sempre hai algunha boa noticia, como a que acabo de ler de que na miña vila de Xinzo (e en moitas outras) non hai, polo momento,  ningunha persoa contaxiada. Porén, ás veces a mellor cousa é facerlle fronte ás adversidades. E hoxe, o meu fillo e máis eu pasamos un rato divertido botando varias partidas a un xogo de cartas que se chama... virus.

Pouco antes de cear, volveu a min ese complexo de James Stewart do que lles falei onte. Acordei de que hoxe, en todas as veces que me asomei á fiestra e nin sequera no balcón á hora do aplauso, non vin a ese matrimonio que pasea, corre e baila na súa terraza. E iso si que me deixou preocupado.

Rafael Laso Lorenzo

Comentarios