Estado de alarma. Día tres.

TELETRABAJO
Estado de alarma. Día tres.

Hoxe andei traballando na casa. Experimentando iso que se chama teletraballo. Cómpre dicir que lle vexo TELETRABAJOalgunhas vantaxes e tamén, claro está, algúns inconvenientes. De certo, fixen o mesmo horario que na oficina pero sen ter que desprazarme. Namentres traballaba, tiña de fondo a radio. Xa son varias veces ó longo do día (oito horas dan para moito) as que escoitei falar a diversos colaboradores dos programas facendo comparanza coa gripe española de 1918. Non puiden evitar, a iso das once da noite, hora en que comecei a escribir este artigo, coller o libro Historia de Xinzo de Limia do meu benquerido amigo Miro Cerredelo e visitar o seu blog, nos que fala daquela gripe na nosa vila. Dinos que “un medo terrorífico, ante a imparable extensión da epidemia, apoderouse da poboación. A comarca quedou convertida nun mar de bágoas” e tamén que “ademais estendíase cunha rapidez inusitada”. Vamos, que cento dous anos despois daquilo, vivimos unha situación moi parecida.

Nalgún xornal, lin que daquela as campás das igrexas non tocaban a morto. E tamén, como nestes días de hoxe, a epidemia estaba todos os días na prensa.

Desexo, de verdade, que este desastre de hoxe non chegue a altura de aquel de hai un século. Non sei que faría a xente daquela. Se tería que estar recollida na casa ou non. Eran tempos diferentes. Aquí levamos só tres días de estado de alarma. E milleiros de mensaxes enxeñosas nos whatsapp. Imaxinación ante as desgracias. Metáfora moderna do refrán “a mal tempo, boa cara”.

Sobre as oito da tarde, despois de aplaudir no balcón a toda esa xente que se parte a alma para axudar aos afectados nos hospitais, díxenlle ó meu fillo que contemplase ben o que se vía na rúa. Durante un rato estivemos alí, malia que só fose porque nos dese un chisco o aire. El, tivo hoxe escola por internet. Vantaxes destes tempos modernos onde a un click temos case de todo. Porén, antes de entrar novamente na casa, pechei os ollos e escollín unha cor: branca. Acordeime dun xogo que fixen moitas veces de neno: saír a fiestra e contemplar a rúa agardando acertar a cor do vindeiro coche que pasase. Unha maneira coma outra de pasar o tempo. Por certo, non acertei. O primeiro coche que pasou era de cor gris escura, demasiado escura como para confundilo co branco.

Rafael Laso Lorenzo