jueves 09.04.2020

Estado de alarma. Día un.

Son as sete da tarde do sábado 14 de marzo. Hoxe debería ter sido día de feira en Xinzo, pero non o foi. Imaxino as rúas baleiras, o campo da feira nu, a estraña ausencia de Fot feira 1pulpeiras, as mesas sen a xente amoreada arredor, mesas onde o vermello do pemento salienta sobre a brancura dos toros de pulpo. Síntoo, cóstame moito dicir polbo. Os limiaos sómosche así.
Levo once horas en pé. Erguinme, ducheime e fun facer a compra neste día estraño. Na peixería non había o peixe de sempre. Só algo de pescada, uns lirios de ollos apagados e tristeiros, bacallau en filetes, douradas de piscifactoría e mexillóns. Máis nada. Talvez os peixes anden tamén en estado de alarma.

Para min foi a rutina de sempre nun sábado que non é o de sempre. No supermercado, moitos dos andeis ficaban baleiros de contido. A xente pola rúa era mínima. Despois de xantar, ficamos na casa. Día de familia, ler, escribir, tarefas domésticas. Xogar co meu fillo, pasalo ben sen saír a rúa.

De cando en vez, saio á terraza. Na rotonda, poucos coches para o que adoita acontecer calquera outro día. Conto xente, as persoas que vexo aí fora: un home que pasea co can, un pai co seu fillo con cadansúa bolsa do supermercado, unha vella que camiña paseniño para estirar as pernas. O sol comeza a se acochar tras da liña do mar, deitando sobre a auga un ronsel de escintilantes raias douradas. Escoito fóra o grallar das gaivotas. E dentro, o tictac do reloxo co escudo da miña vila que teño no salón. Ás veces, fóra, o silencio. Estraño a rúa, a xente, o sábado normal.

Dende o luns traballarei na casa, teletraballo do que tanto se fala. Mañá será domingo. Tamén raro, estraño, diferente na súa calma tensa, que seguirá repleta de estatísticas, de número de contaxiados de aquí e de todas partes. Un número que avanza imparable na procura de non se sabe moi ben que. Mañá será domingo. Mais hoxe segue a ser sábado, 14 de marzo, o primeiro 14 en moito tempo sen feira na nosa vila. Sábado catorce, día primeiro do estado de alarma.

Rafael Laso Lorenzo