miércoles 12/8/20

O Folclore, o avó da literatura

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO Nace a nova imaxe de Dendealimia.com ao abeiro das Xornadas do Folclore. Foi este mesmo Folclore tamén, o...
Mapa_Fontan_Antela
Mapa_Fontan_Antela

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

Nace a nova imaxe de Dendealimia.com ao abeiro das Xornadas do Folclore. Foi este mesmo Folclore tamén, o avó da Literatura Universal e o pai das Lendas da tradición oral. O Folclore enxendrou as Lendas ao carón da lareira, na escuridade dos montes e no frío dos camiños para que despois, estas fillas alumearan por medio da escritura, á Literatura.

En Galicia, de lendas, lareiras, montes e tradicións imos ben servidos, polo que a nosa literatura é rica e medra con saúde, pois ten miles de fontes das que beber e a partir das cales evolucionar. A lenda é algo ao alcance de todos, e todos colaboramos na súa transmisión e incluso no seu contido. E iso é o bonito da tradición oral, que leva a pegada de cada “autor”, de cada avó que a contou aos netos nas noites de xeada tal e como a recordaba dos seus devanceiros sen tomar unha soa nota. Todos somos escritores, autores e protectores das nosas lendas que ao levar un pedaciño de cada un de nós, convertéronse nunha das mellores maneiras de chegar a coñecer aos pobos.

Todos os limiaos medraron coa desgraciada historia dos habitantes de Antioquía ou con aquela valorosa fazaña de Décimo Xuño Bruto, que lle gañou a batalla primeiro ao Esquecemento e despois aos castrexos. Estes contos que forman parte de nós, do noso carácter, ademais de entreternos, asustarnos, ou ensinarnos leccións serviron de inspiración para aqueles xenios que decidiron empregar o utilísimo material que nelas había para crear cousas cando menos, igual de marabillosas:

1)      O galo de Antioquía. A idea da Metamorfose de Kafka narrada ao estilo galego por Carlos Casares. Nesta historia o pobre Antonio Madarro convértese en galo, dando lugar a unha trama hilarante chea de despropósitos.

2)      O paso do esquecemento. Neste marabilloso álbum ilustrado e cheo de misterio, Rivero Coello conta a lenda do río Limia. Aquel do que se dicía era capaz de facer que quen o cruzara perdera toda lembranza. O pequeno protagonista do relato escoita a lenda do río Lethes na escola, e pouco a pouco vaina facendo súa, imaxinándoa e converténdose no seu protagonista.

3)      O trasmundo de Antioquía. Nesta obra Rafael Laso combina, imitando o bo facer das lendas, historia e realidade de maneira maxistral, nun pequeno homenaxe a todas as tardes de choiva escoitando as historias dos avós.

Estes son só tres exemplos do que se pode facer a partir do que nos deixaron aqueles que viñeron antes de nós. A nosa misión será logo conservar como ata o de agora, mediante a palabra e a memoria, todas as lendas que nos viron medrar.

O Folclore, o avó da literatura
Comentarios