domingo 24/1/21

A Garda Civil deixou caducar o expediente do axente de Bande, que conservará o seu posto

Así o aseguraba a AUGC nun comunicado no que defende que o suboficial foi vítima dunha persecución política

REDACCIÓN

[email protected]

José Manuel Grande Pérez conservará o seu posto de traballo en Bande. Así o aseguraba onte a Asociación Unificada de Guardias Civiles (AUGC) mediante un comunicado no que informaba de que a Garda Civil deixou caducar o expediente que se lle abrira ao sarxento “polo que todo o proceso quedou sen efecto”. Desde a asociación móstranse satisfeitos de que a súa denuncia sobre “o acoso político cara o suboficial dera os seus froitos”.

Para a organización de axentes, Grande foi vítima “dunha persecución e de abuso de poder” por parte do rexedor da vila, Juan Antonio Armada, e da deputada do PP, Ana Belén Vázquez. Unha situación que agora entenden foi respaldada pola Garda Civil ao deixar caducar o expediente. “A Garda Civil non puido demostrar que o sarxento cometese ningún acto que poida ser constitutivo dun expediente disciplinario”, un feito que celebran desde a AUGC pois “impediu que se consumase a cacicada que pretendías as forzas políticas que trataron, con todo tipo de presións, propiciar a destitución deste axente”.

Pola súa banda, tanto o alcalde de Bande coma a deputada Ana Belén Vázquez afirmaban descoñecer oficialmente se o expediente contra Grande caducara ou non, polo que ningún dos dous quixo facer declaracións ao respecto.

Finalmente o sarxento de Bande non verá modificado o seu destino, a pesar do proceso aberto contra el motivado polo seu “exceso de celo” que derivara nun número inusitado de multas, preto de mil ao ano, para un municipio que non chega aos dous mil habitantes.

Comentarios