sábado 07.12.2019

Lembranza dunha imaxe

Levo un tempo afastado da escrita por mor dunha obriga maior: a realización dun máster. Agora que xa rematei, podo dicir que non foi nada doado IMG-20190130-WA0002(se por doado entendemos o esforzo que lle custou a algunhas personalidades da política deste país, sexa cal sexa o partido ao que pertenzan). E chegou a hora de retomar esa devoción por poñer palabras nun papel. Remexendo entre os papeis deixados de lado ao longo destes meses e revisando novamente e con detalle correos recibidos, atopei nun deles o recorte de prensa que fala da chegada do Bibliobús escolar á nosa vila, onde as fotos que o acompañan foron feitas polo Dacal, coñecido fotógrafo de Xinzo na época da miña nenez. Contemplando esa imaxe decateime do pasar do tempo. Rápido ou lento, segundo se mire. Podo asegurar que durante estes meses de estudo, pasoume moi lentamente. Cousa que me trouxo ó maxín  a canción O tempo pasa lentamente, de Bob Dylan, incluída no seu disco New Morning do ano 1970.  Daquela eu tiña cinco anos. O tempo pasa lentamente e, despois, esvaece. Así di o derradeiro verso da canción. Foi onte, coma quen di, que soñaba eu a carón da lareira coas historias que contaba o meu avó. Non esquecín nunca aquel soño no que era un cabaleiro que ía rescatar unha princesiña loira, prendida polos mouros na torre de Pena. E que nunca a salvaba, porque fuxía a lume de carozo cando cría que os mouros se movían, aló na torre. Tantos soños. E, no medio deles, os soños dos demais nenos e nenas da escola, aquela Nacional Graduada Mixta que se aprecia na imaxe do xornal. Un mundo en pequeno, pero enorme. Un universo en expansión no que estaban, canda as roseiras florecidas do xardín, todos os soños dunha nenez vivida hai cincuenta anos. A azafata, o piloto, o vaqueiro coma John Wayne, o futbolista, a cantante, a artista de cinema, a doutora, o mestre... Soños que cumprimos ou non, soños que mudamos por outros. Soños que un día soñamos xogando arredor do xardín das roseiras, vixiados ó través das fiestras por don Paco, dona Basilisa, dona Beatriz, os ollos sempre á espreita para que nós, a rapazada toda, poidésemos seguir soñando. Nada queda da vella escola, nada do xardín. As rosas que nacían e murchaban, deixaron de facelo. Quedamos nós. A lembranza dese mundo que foi e xa non é. Pero cando volvo a el, de pé sobre o enlousado da praza que construiron no seu lugar, pecho os ollos e sinto que hai algo que aínda segue aí, que sempre estará. Son os espíritos dos mestres, á espreita, vixiando, talvez, os soños soñados por aqueles nenos e nenas que fomos, que aínda pairan no aire. 

Rafael Laso Lorenzo