jueves 6/5/21

LEMBRANZAS DOS 65 ALUMNOS LIMIAOS DO COLEXIO DOS MILAGRES NA DÉCADA DOS 70 (ParteIII)-Última

Os Milagros Monte Medo (20)
Os Milagros Monte Medo (20)

A homenaxe, cunha morea de actos e charlas organizada e coordenada por Cesar del Caño e Antonio Gómez Losada e moderada por Lalo Pavón, viña a conto da expulsión no 1978 da congregación dos Paúles, de Emilio G. Graña e de outros frades do centro que solidarizándose con el deixaron a orde e o colexio, incluíndo o propio Director o Padre Odilo Cid.

dia do Colexio Maio 1977O desencadéante da expulsión foi -e damos testemuña de elo ós que fomos seus alumnos-, que aquela xeración de frades, tentaron implantar un proxecto educativo que tiña como obxectivo primar, en palabras do propio Graña, «o respecto ós rapaces, valoralos polo que eran e crer neles» e naqueles tempos de cambio, fomentar entre o pensamento crítico e os valores democráticos a marxe da ortodoxia política e relixiosa do momento.

Nunca poderei esquecer aquelas ensinanzas, nin tampouco os métodos pouco habituais que tiña o Graña para xenerar en nos o “pensamento critico”. Lembro dar clases no exterior do colexio, a carón dun castiñeiro, ollando cara un formigueiro para convidarnos a reflexionar sobre a comunidade, a organización do traballo e a cooperación. E lembro tamén algún método algo menos convencional como cando nos retorcía o brazo percurándonos certa “molestia” para provocar un poema sobre a dor e o sufrimento.

A expulsión do Graña foi dun gran impacto entre os alumnos e profesores, que por certo el xa anticipaba un ano antes con certa fachenda e coherencia. Contábanos, naquel relato dunha morte anunciada, historias como por exemplo, a dunha ocasión en que foi chamado a capitulo por o Bispo de Ourense Monseñor Temiño. Presentándose á aquela audiencia en pantalóns “tejanos”, e o Bispo moi alporizado dixéralle que él chamara a un Sacerdote non a un vaqueiro, que cando viñera o sacerdote falaría con el, co vaqueiro non tiña nada de que falar...  131152489_10158946091558256_7193607806033819874_n

Anos despois, ao pensar no acontecido co Graña e cos outros profesores, víñame a memoria o poema de Walt Whitman recitado sobre as mesas da aula por os alumnos do internado da academia Welton cando expulsaran do centro a John Keating, aquel soñador profesor de literatura pouco convencional -recreado no filme de 1989  “ O Club dos Poetas Mortos”-, que inculcara nos seus pupilos o amor por a poesía.

¡Oh, Capitán! ¡Meu Capitán! Levántate e escoita as campas;
levántate —por ti ondea a bandeira— por ti sona o clarín;
por ti son as guirnaldas e os adornos....

 

Nos Milagres mais que alumnos, eramos unha especie de familia, unha comunidade rural xunguida, se cadra aínda con mais forza por a condición esta condición de ruralidade, que por o illamento xeográfico do monte medo, cuestións ámbalas dúas que propiciaban que medrara o nos compromiso, e voara a nosa imaxinación e inxenio creativo  por ceos  de xuventude e rebeldía, e, por inalcanzables paraísos húmidos personificados nas alumnas do colexio das monxas da Milagrosa de Maceda, alimentados como non, por aquelas películas de Buñuel, Fellini ou Andonov, que só os Paúles dos Milagros se atrevían a proxectar naqueles anos de tabús e represión, por certo nun dos mellores cinemas e salóns de actos da provincia.Os Milagros Monte Medo (17)

Neste colexio, moitos descubrimos a liberdade e a democracia. O galeguismo social, cultural, político e militante, a loita e as contradicións entre un pasado que esmorecía e un futuro por conquistar do que eramos parte,  e do que queriamos ser protagonistas.

Tamén aprendemos algo de Latín, inglés, filosofía, matemáticas, física, galego ou relixión con Arturo, Graña (“Oh Capitán meu Capitán”), Chiquito, Eguren, Anxel, Peleteiro,  Odilo. E cos magníficos profesores seglares , o Xocas, Norberto, Alfredo, Arturo e tantos outros.

Mesmo tamén aprendemos a subir o mercurio dos termómetros, a descolgarnos polas fiestras para fuxir a calquera sitio, a fumar no frontón, a ler a Marcial Lafuente Estefania, a xogar o bolei, ou a escoitar o Carrusel deportivo e a Jose María García, na Tejabana ou pegados a calquera caño de auga que nos fixera de antena para o transistor.

Nos Milagros en novembro do 75, recibimos a noticia da morte do ditador coma un acontecemento festivo, mesmo lembro que aquel día tiveramos unha sobremesa especial.

Por o salón de actos pasaron e tivemos ocasión de cantar e emocionarnos cos cantautores mais nomeados da época, Benedicto e Bibiano, Suso Vaamonde ou Fuxan os Ventos entre outros.

Pero   no  colexio  había   xa   verdadeiros   poetas, artistas e creadores, como  o  grupo

 “4 Dimensión” do que formaron parte dous inesquecibles amigos Camilo Rodríguez e Juan Prado. Os festivais e recitais eran frecuentes e preparábanse a conciencia nomeadamente o deste tempo de Nadal. Tampouco faltaban os xornais feitos por os alumnos, lembro e teño algún exemplar dun deles absolutamente reivindicativo, o Faramello.

E os Frades nos levaron de viaxe, cecas os primeiros viaxes que fixemos sos, foron con eles.   

Non, non perdémolo tempo!.

No eido deportivo o Colexio era punteiro en moitas disciplinas, obtendo sonados éxitos en balón man, fútbol, volei, tenis, balón cesto, ou atletismo, sempre da man do profesor de educación física cómplice e adestrador o inesquecible Chema.

Os Milagros Monte Medo (9)E descubrimos tamén o valor da amizade en tempos de ostias. Das Sagradas, coas que adoitabamos comulgar despois daquelas misas dun fondo valor espiritual, cristián e comunitario, tan participativas como frecuentes e voluntarias. E das outras, nada espirituais, coas que  nos trataban de endereitar, literalmente a paus, os mesmos Paúles que nos transmitían cun exemplo encomiable o valor da educación, da liberdade da teolóxica liberación, e do pensamento critico. Había, si, algunha evidente contradición, pero non todo había ser perfecto. Quen o e?

Eu fun depositario en algunhas ocasións, mais da que quixera, daquel “xarabe de pau”; Nas aulas, no comedor, en ringleiras de rapaces nos pasillos, ou fronte a capela. Ou mesmo recibiamos no exterior do colexio, as veces facendo nada..., no frontón, nas pistas... Onde nos “pillara” o criterio educativo dos comprensivos titores. En ningures estabamos a salvo do arrouto da liberadora e reformadora ira, cun chisco de incomprensible agresividade daquel método “pedagóxico” incomprensiblemente aceptado e do que algúns membros da comunidade libertaria dos Paúles do Monte Medo non conseguira desprenderse.

Malia todo, estou seguro de que ningún dos ex alumnos gardamos rancor por aqueles, métodos pedagóxicos que formaban parte do místico ritual do colexio. Gardo, e me atrevería a falar en nome da maioría dos ex alumnos, unha lembranza agarimosa e agradecida cara aqueles  Paúles, honestos coa súa filosofía, mesmo ate o extremo de aceptar a expulsión da orde e da docencia por vivir coherentemente coa súa fe e as súas ideas. Coñecín a poucos homes de tan fondo calado moral e espiritual.

Estou convencido que os meus pais acertaron de cheo e estarían fachendosos con aquela decisión de mandarme os Milagres, inda que non fose literalmente o que eles crían que seria a educación dos Padres Paúles.

Tamén estou seguro, que si volvera a nacer e me deran a escoller, volvería a vivir a infancia que vivín, Xinzo, Laza, Rebordondo, Parada de Ribeira, e volvería, na adolescencia a estudar e aprender a vivir e soñar en galego no Monte Medo.

Por todo aquilo, cada quen ao seu xeito, somos mellore persoas despois dos anos que pasei e que pasamos nas aulas e no internado dos Colexio dos Milagres.

Anos despois, xa en Ourense, sacaba o Grupo Asfalto “dias de escuela” que me axuda hoxe a rematar esta lembranza dos 65 rapaces da Limia que compartiamos autobús e viaxe nos anos 70 dende o Colexio dos Milagres:

E agora tí que pensarás,

si canto máis me oprimían

máis amei a liberdade.

É a tí, a quen canto hoxe,

Ensina o teu fillo

Ensina o teu fillo

Amar a Liberdade!

LEMBRANZAS DOS 65 ALUMNOS LIMIAOS DO COLEXIO DOS MILAGRES NA DÉCADA DOS 70...