LÍO NO CURRAL

584
LÍO NO CURRAL

DIARIO DUNHA CABRA ESTRESADA

584Sigo día tras día tratando de desfacerme do condenado localizador que me colgaron ao pescozo estes inútiles. Maldito o día no que os adoptei, contrólanme máis a min que eu a eles, como se foran eles os meus amos e non ao revés. Este estúpido localizador funciona co movemento. Cando detecta que me movo soa, e canto máis rápido me movo máis intenso é o seu son. Queren terme controlada, para poder facer o que queiran sen que eu me decate.

O outro día quedei presa polos cornos querendo pasar o sistema de seguridade de última xeración que lle instalaron ás maceiras. Parece unha barreira moi resistente. Ten buratos con forma de rombo por toda a súa extensión, e creo que o sistema funciona por electrólise magnética. Teño que atopar a maneira de hackear o ordenador central da base de operacións dos meus humanos.

Creo que a pesar de todo isto, o que máis me preocupa é a situación coas nosas veciñas, as ovellas. Preocúpame seriamente a súa situación mental. Dende fai un tempo, comezaron a obsesionarse con que non se sentían do noso curral, e comezaron a dicir que querían dividir o curral para separarse do resto de nós. Insistiron en que deberían votar, xa que segundo o estado democrático que goberna o curral teñen dereito a decidir. Eu díxenlles que me parecía perfecto, pero como a súa decisión nos afectaba ao resto, xa que estabamos falando do curral de todos, deberíamos votar todos os habitantes do curral, pois todos temos dereito a decidir sobre o destino do noso fogar, non só os que queren separalo.

Ata aí todo ben, pero despois foi cando comecei a sospeitar que tiñan un trastorno mental. Pensei que me explicara ben, e o asunto era sinxelo: sobre o destino do noso fogar deberíamos decidir todos os que viviamos nel. Sinxelo. Pero as ovellas non o entenderon. Sen dialogar con nós, estableceron un referéndum que non estaba aprobado por todos, só por uns poucos, polo tanto era ilegal. Como consecuencia, enviamos aos axentes do Corpo de Policía Canina do Curral (CPCC), para deter aquel acto antidemocrático, pois ignoraba o noso dereito a decidir, xa que nós tamén vivimos aquí. Non obstante, non serviu de nada. As ovellas usaron a chegada da policía para facerse as vítimas, e dicir que non respectabamos os seus dereitos democráticos, cando era totalmente ao contrario. Ao final, a pesar de todo, o referéndum levouse a cabo, aínda que os descontrois que había confirmáronme os problemas mentais das miñas compañeiras ovinas. Houbo ovellas que votaron catro ou cinco veces, outras votaron por familiares seus que faleceran, e incluso votaron outros membros do curral, concretamente unha pata, un porco, unha vaca e dous coellos. Ao saber isto, dirixinme aos mandatarios ovinos e transmitinlle en nome de todos os habitantes do curral a nosa desconformidade por tan pouca seriedade, pero estes aproveitaron outra vez e atribuíron a nosa intervención desconforme a un novo intento de cortar a súa liberdade de expresión. Farta da situación, exclamei: \“E QUEN COIDA A NOSA LIBERDADE DE EXPRESIÓN, EH? QUEN?, e craveille os cornos á ovella que tiña máis preto. De acordo, quizais me pasei, pero é que me estaban poñendo dos nervios.

Agora van xulgar aos seus líderes e decidir que facer con elas, pois saltáronse as nosas leis e merecen ser castigadas dalgunha forma. Seguro que se lles ocorrerá dicir que o resto dos animais do curral somos uns opresores e están detidas polas súas ideas políticas.

En fin. O que hai que oír! Aquí todo o mundo fai o que lle sae do fociño.

Alba Domínguez Marra