"A mensaxe de “SloMo” nin nos representa agora nin o fará nunca"

Chanel
"A mensaxe de “SloMo” nin nos representa agora nin o fará nunca"
Carta do alumnado de 1ºA do IES CIDADE DE ANTIOQUÍA

Hoxe chegaches a clase enfadada porque sentías que todos os teus esforzos por educarnos en igualdade foran en van. Non profe, tranquila: esa canción non nos representa. Nin as mozas nin os mozos nos sentimos identificados coa súa mensaxe. As rapazas non queremos ser esa “mami dura”, e se temos problemas “monetary” resolverémolos co noso traballo e coa nosa intelixencia. Movemos as cadeiras para bailar e non necesitamos a ninguén que babee mentres nos mira con cara de querer comernos. E nós, os “daddies”, buscamos algo máis ca unha moza facendo “boom boom”. Ademais, non nos gusta que nos unten a cara con zume de mango nin somos uns canciños que andan ao rabo de ninguén facendo “zoom zoom”. Fronte á “mami boom boom” preferimos á “nai” loitadora, forte, independente e reivindicativa. Profe: ten por seguro que non perdiches o tempo. Por fin a esta sociedade “viñeron para quedar esas bravas gorxas de fondo cantar” que son “as nosas nais”, transmisoras do saber e da cultura. O tempo invertido en clase deu o seu froito: temos os ollos ben abertos, con mirada crítica.

A mensaxe de “SloMo” nin nos representa agora nin o fará nunca.

Gañamos a batalla e por fin esta sociedade mudou. O esforzo que fixestes por coeducarnos na igualdade e no respecto non caeu no baleiro: aquí estamos nós para demostralo. ALUMNADO DE 1.º ESO A (IES CIDADE DE ANTIOQUÍA, XINZO DE LIMIA, OURENSE