No mes de abril, o día do libro

202
No mes de abril, o día do libro

Pola Semana Santa, andei por A Coruña e Portugal. Percorrendo coa familia o centro do país veciño, pedín un capricho que me foi concedido: visitar a aldea de Azinhaga, terra 202natal do premio Nobel de Literatura José Saramago. A viaxe ata o lugar, nun día fresco, con chuvascos ocasionais e nubes grises sempre no ceo, foi por unha estrada abeirada de campos de cultivo cheos de oliveiras. Cando cheguei á casa que acolle un pequeno pero fermoso museo do autor e tamén a fundación co seu nome, non puiden por menos que emocionarme coa frase escrita na parede que me recibiu na entrada: Déixate levar polo neno que fuches, e que figura tamén no seu libro As pequenas memorias.

Esa frase levoume anos atrás, a miña nenez, as clases particulares de francés co señor Emilio e despois ao curso oitavo de EXB con don Daniel. Neste último lin un libro que deixou en min unha fonda pegada ata o día de hoxe: Le petit prince, de Antoine de Saint-Exupéry, que anos máis tarde saíu como O principiño na tradución galega de Carlos Casares e da que xa perdín conta das veces que a lin. A primeira edición en francés e inglés, publicada un seis de abril de 1943, pola editorial estadounidense Reynal & Hitchcock, cumpre neste ano 2018 o seu 75 aniversario. Desde entón, publicouse xa en 250 idiomas, case nada. Talvez sexa un bo momento para volver ao libro. Talvez sexa un bo momento para lembrar algunha das súas frases, pensamentos ao meu ver maxistrais que acadaron vida eterna.

Deixémonos levar polo neno que fomos, porque unicamente os nenos saben o que buscan. Non renunciemos a todos os nosos soños só porque un deles non se cumpriu. Aproveitemos o tempo que pasamos cos nosos, porque foi o tempo que pasaches coa túa rosa o que a fixo tan importante. Miremos cara dentro de nós, para comprender que é moito máis difícil xulgarse a si mesmo que xulgar aos demais. Se logramos xulgarnos ben a nós mesmos, seremos verdadeiros sabios. Valoremos a amizade, tal como o raposo lle dicía ao principiño: non era máis ca un raposo semellante a cen mil outros, pero eu fíxeno o meu amigo e agora é único no mundo. Non esquezamos nunca que se lle debe pedir a cada quen só o que está ao seu alcance realizar.

Quizais non vexamos esas cousas tan evidentes porque só se pode ver ben co corazón e non cos ollos. Conta Saramago que o seu avó, cando soubo que ía morrer, foise despedir das súas árbores, abrazándoas a todas unha por unha. Talvez porque nese intre, regresou ao neno que algún día foi.

O Principiño e As pequenas memorias. Saint Exupéry e Saramago. Dous libros, dous autores. A miña humilde recomendación para a lectura neste mes de abril, mes do libro.

Rafael Laso Lorenzo