sábado 31/10/20

Unha (moi) boa nova

PEPE CALLEJA Para os amantes da natureza en xeral e das aves en particular, temos unha moi boa nova na Limia....
choromica

PEPE CALLEJA

Para os amantes da natureza en xeral e das aves en particular, temos unha moi boa nova na Limia. Os compañeiros da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Sección Antela, veñen de comprar unha leira en Vilaseca onde van tentar desenvolver un proxecto de recuperación dunha das aves máis emblemáticas da Limia: A choromica ou conícora que son nomes cos que as aves eran e son coñecidas na Limia. (Avefría europea e Vanellus vanellus en científico) Os nomes da Limia fan referencia á voz dos adultos en época de cría.

Os cartos empregados para a compra da leria foron os que esta Sociedade recadou da venda do libro de Serafín González: ¡¡¡Un conto de verdade!!! A historia de Antela contada por unha cegoña. E dos chamados Bionfeitores: empresas e particulares que colaboraron achegando diñeiro.

En Galicia, actualmente, esta ave cría na Limia e na lagoa de Cospeito en Lugo. Na Limia quedan unhas 15 ou 20 parellas que supoñen o 80% do total de Galiza. Antes da desecación da Lagoa de Antela estimábanse entre 100 e 150 parellas. Nas veigas de Ordes no verán calculábase que había entre 500 e 1.000 aves entre adultos e crías.

No relatorio das causas do seu declive sae un calco dos problemas ambientais máis extendidos na Limia: desecación de lagoas, canalización de ríos, roturacións, cultivos extensivos, explotación de graveiras ou creación de novas estruturas. (O que chamamos destrución do hábitat). Temos que engadir as queimas dos carrizais e a depredación de cans e córvidos.

Finalmente tamén afecta a esta poboación canto, cando e onde chove.

Deberíanse facer censos  coordinados de aves reprodutoras, melloras do hábitat nas colonias que xa existen e crear novas zonas. Permitir só o uso de métodos agrícolas tradicionais e pouco intensivos onde se detecte a presenza das aves.

Centrándose na recuperación desta ave outras moitas especies de aves,mamíferos, anfibios, réptiles, invertebrados, etc, van ser favorecidas na zona.

Xa levan, levamos, varios días de traballo desbrozando a man. Non se quere meter maquinaria que podería matar ós réptiles e outros animais que viven alí.

O traballo é duro, o clima da Limia xa ten recibido ós traballadores voluntarios con 6 grados baixo cero. Pero traballando sobran as chambras e os polares de alí a un ratiño.

Pouco a pouco os claros son máis grandes e a comparativa vía google maps de como estaba ó principio e como vai avanzando ó traballo fai que as facianas de cansanzo se tornen en facianas de ledicia.

Penso que para os limiaos un proxecto como este é un antes e un despois para a natureza na Limia e por fin “EN SENTIDO POSITIVO”.

Grazas a Serafín, Marcos e Isabel por facerme partícipe desta aventura que é unha xanela de ar fresco nesta nosa sufrida Limia.

Comentarios