Cinco novelas para un ano sen verán

Cinco novelas para un ano sen verán

Iso din por aí os que saben, que este 2013 non teremos clima estival, así que toca facer de tripas corazón para afrontar este inverno eterno. O certo é que moitos sempre nos queixamos de non ter tempo para pornos ao día coas nosas listas de libros pendentes, así que a climatoloxía decidiuse dunha vez por todas por nós, e confabula para que logremos o noso obxectivo. Bríndanos noventa tardes de chuvia e vento para que actualicemos a nosa bagaxe literaria. É por isto que me atrevo agora a suxerirlles cinco novelas ás que será unha delicia entregarse nas horas mortas dunhas vacacións  sen praia nin sol. Son a vez obras versátiles, para que se acaso o tempo se decidise dar un respiro, que seguro que si, poidamos tamén desfrutalas baixo o sol.

1.Frankenstein ou o moderno Prometeo de Mary Shelley. A novela abandeirada deste extraordinario fenómeno climático, pois foi concibida no último ano sen verán do hemisferio norte, 1816. Ano mesmo ao que tiveron que remontarse aos franceses de La Chaine Météo, a canle que deu a nova da morte do verán, para atopar un exemplo do que parece ser que os europeos viviremos desta volta. Shelley e o seu home visitaban a Lord Byron na súa casa de verán e o mal tempo obrigounos a permanecer pechados. Byron aproveita logo para propoñer un reto aos seus invitados, a composición dunha historia de terror.

2O porco de pé de Vicente RiscoUn despliegue de erudición e intelectualidade que Risco logra poñer ao alcance de todos por medio da sátira e a parodia. Publicado en 1928 esta obra non podía estar de más actualidade, pois céntrase entre outros temas na hipocrisía dos políticos e o gregarismo social.

3. La sombra del viento de Carlos Ruíz-Zafón. A primeira parte dunha tetraloxía aínda sen concluír (a publicación da cuarta e última parte está prevista para o ano próximo ), que lles iniciará nunha historia apaixonante sobre os libros e a literatura que salta adiante e atrás un par de xeracións na Barcelona da posguerra. A ópera prima de Carlos Ruíz Zafón, despois dos seus comezos na narrativa xuvenil, que engancha desde a primeira páxina e que encaixará perfectamente na combinación sofá e mantiña. Coidado porque crea verdadeira adicción e terán que esperar a 2014 para coñecer o final.

4. El cartero de Neruda de Antonio Skármeta. Sen chegar apenas as cen páxinas Skármeta ten espazo de sobra para facerse co lector, seducíndoo pouco a pouco. Unha estupenda forma de coñecer a historia recente de Chile e a figura de Pablo Neruda nun equilibro perfecto entre narrativa e lírica.

5. As rulas de Bakunin de Antón Riveiro Coello. E por último pero non por iso menos importante, o libro que da o sabor limiao a esta selección. Un percorrido polo século XX  galego no que se intercalan diferentes episodios ao fío do periplo vital de Camilo, militante anarquista. Un relato contra o esquecemento da nosa historia que é agridoce: tráxica e ditosa todo a un tempo. Pero sobre todo nosa, á que lle debemos todo o que somos hoxe.