miércoles 5/8/20

Produto Interior Bruto da Limia

ALBA PROL PIB (Produto Interior Bruto), así se chama a nova webserie galega, dirixida  por Miguele de Currás (A Limia), producida...
PIB
PIB

ALBA PROL

PIB (Produto Interior Bruto), así se chama a nova webserie galega, dirixida  por Miguele de Currás (A Limia), producida e gravada na nosa comarca. Este curioso produto audiovisual ensínanos o universo surealista e tráxico, sempre en clave de humor, dos seus dous protagonistas: o Richi e o Maxi (Héctor Casas e Alfonso Míguez) dous mozos de aldea amantes do xogo, as mulleres e os produtos químicos con “solera” (segundo eles mesmos “eses pequenos praceres mundanos que os fan felices”). Segundo os seus creadores a serie está feita “cun humor sen máis fronteiras que a realidade que os rodea” e apostan “polos comportamentos, actitudes, testemuños e anécdotas que conforman a nosa idiosincracia”.

 A iniciativa lévase a cabo dentro do ámbito da asociación cultural Os Ghairas, que nace na Limia en marzo do 2010 co obxectivo de apostar polo rural, pondo en marcha iniciativas para involucrar a todos os colectivos, especialmente ó infantil e terceira idade. Teñen feito expriencias teatrais coma a que levaron a cabo con [email protected] do concello de Vilar de Santos (adaptación de “O Principiño” no museo etnográfico da Limia) así coma o documental “Lembranzas da Seitura”, unha homenaxe aos que tiñan que emigrar a Castela que conta co testemuño directo de veciños da zona.

Esta asociación comeza a traballar na serie PIB dende o 2012 xunto co seu director, Miguele de Currás. Comezan a gravar as primeiras imaxes en Xuño e Xullo dese mesmo ano e elixen como primeiras localizacións o interior de Galicia, Barcelona e o sur de Francia. Tras unha presentación do capítulo piloto en Xinzo de Limia o proxecto foise ampliando e máis profesionais se uniron ao equipo, contando tamén coa colaboración de Kao Studio Records e Zoran Music de Celanova. Así pois, na primavera de 2013 retómase o proxecto e xéstase a rodaxe do primeiro capítulo para, unha vez rematado no verán, levar a cabo a planificación e realización do resto dos capítulos ata outono dese mesmo ano. Está previsto que a rodaxe de toda a primeira tempada esté rematada para o mes de Decembro e todos podamos desfrutar deste produto online no 2014.

Sen máis preámbulos, e porque esta serie vale máis vela que espallarse explicando como é, aquí vos deixo o primeiro capítulo do que xa podemos disfrutar online “As Mozas”, á espera dos vindeiros. Disfrutade cun pouco de humor canalla 100% limiao.

 http://vimeo.com/70248242

Comentarios