O remate dun ano estraño

8579_ano_2020
O remate dun ano estraño

Quedan poucos días, apenas once cando escribo este artigo, para o remate do ano talvez máis estraño das nosas vidas. Un ano no que botaremos en falla moitas cousas. A primeira, é a máis importante de todas elas, as ausencias. As de todas esas persoas, coñecidas ou descoñecidas, próximas ou afastadas, amigas ou non, que nos deixaron para sempre. E tamén outras ausencias: as dos afectos, as apertas, os bicos, os choques de mans. Despois desa, case que se podería facer unha listaxe abondo longa: as ceas cos amigos, as viaxes, as feiras, as festas, as vacacións. Cada un de vostedes podería engadir, certamente, unha cousa a esta lista. En breve, quizais nos medios de comunicación andaran na procura da palabra do ano. E nas nosas mentes bulirán, inquedas elas, palabras como alarma, pandemia, coronavirus, vacina. Difícil escoller unha soa palabra neste ano que remata.

Esta situación mudounos a vida un pouco a todos. No máis fondo da miña alma pido un desexo duplo: por unha banda, saúde para todos; por outra, que aprendamos a lección. Creo que isto último é o mínimo que lle debemos a todos os que se marcharon para sempre e tamén ós que quedaron aquí, eses homes e mulleres que cada día dende hai nove meses loitan nos hospitais para coidar da nosa saúde.

Polo que a min respecta, fago balance das cousas que me aconteceron como case todos os anos por estas datas. Botarei de menos a matanza, as festas e o entroido que non virá. Botarei de menos non poder xuntarme coa familia polo Nadal ou no día de Reis. Estaremos cada quen na súa casa e seguro brindaremos os uns polos outros, para que a ausencia dos afectos non sexa tan grande. Eu, ademais, farei un brinde na memoria do meu curmán Amador, que nos deixou para sempre. Un brinde pola vida, pola saúde, pola vacina, pola xente de bo corazón, polos que non teñen ninguén ó seu carón, desexarei que os que mandan deixen de enlearse en cousas sen razón de ser e que, pola contra, remen todos na mesma dirección para levar o barco a porto. Un brinde para que sexa o derradeiro ano sen festa da Santa Mariña, sen feiras do catorce ou do vinte e sete, o derradeiro coa xente pechada na casa. Un brinde para que non haxa máis estado de alarma, para que as UCIs se baleiren de xente. Un brinde polos anciáns das residencias. Un brinde polos que están sos na casa. Un brinde porque remate este ano tan duro e estraño. Un brinde porque non se cumpran os versos de Jorge Manrique, aqueles de “calquera tempo pasado foi mellor”. Un brinde para non perder a esperanza. Un brinde por todas as cousas boas que están por vir. Un brinde por todos vostedes que len estes artigos e outro polo que non os len. Un brinde para desexarlles un bo Nadal, dentro do estraño que vai ser este ano, saúde e moito ánimo.

Rafael Laso Lorenzo