jueves 15/4/21

Santa Comba, sete estralos

Andaba eu estes días con algo de sentimento de culpa por ter dedicado a primeira colaboración a Trandeiras, peza única...
Sta. Comba

Andaba eu estes días con algo de sentimento de culpa por ter dedicado a primeira colaboración a Trandeiras, peza única do patrimonio de Xinzo, e non telo feito con Santa Comba, que sen dúbida é a xoia da coroa do patrimonio Limiao, e aínda me atrevo a dicir que de toda a provincia.  E se a Trandeiras lle teño especial afecto, por Santa Comba sinto un amor case marital que ven de lonxe; pero parecíame que o tema non era tan urxente.

Hoxe os xornais danme a desculpa perfecta para facer algunha reflexión sobre este exemplo único do noso patrimonio que trasncende á propia arquitectura tan singular, para converterse en icona da arte altomedieval europea e dos primeiros tempos do cristianismo.

Esta é a razón de que os visitantes que se achegan a Santa Comba dende moitos lugares da península, e do mundo, sexan iniciados. Saben que non veñen ver un “monumento” espectacular, senón unha concreción intimista e sensible, que converteu unha crenza relixiosa nun feito artístico irrepetible.

Penso polo tanto que o que menos precisa Santa Comba é unha estrada de “sete estralos”  de largura, con aparcamento para autobuses, nin un “enlousado” que trate de travestir unha construción de vocación rural, nin sequera unha iluminación espectacular, que descubra as miserias nocturnas desta modesta  igrexa. As bondades de Santa Comba non son precisamente a monumentalidade do seu exterior, senón case pola contra a intimidade e sensibilidade que se respira nuns espazos maxistralmente concibidos.

Un percorrido de pouco máis de catrocentos metros podería ser moi agradable, se o entorno polo que se fixese non fose unha colección de ruínas e despropósitos coma na actualidade. E lembro agora unha recente visita que tiven o pracer de facer a Säo Pedro de Balsemäo, outra capeliña prerrománica no Douro portugués, por certo restaurada con moito tino, na que a arquitectura é sorprendente, pero o percorrido por un angosto camiño de terra, que alterna os fermosos pobos coas singulares paisaxes do propio Douro, resultan a perfecta introdución para o acontecemento que se aveciña, e que unha moi implicada guía local culmina á perfección.

É moi posible que os veciños de Santa Comba precisen mellorar o acceso, pero a capela o que necesita é un entorno menos maltratado, a recuperación da reitoral, das casas do núcleo, uns pavimentos máis amables, e sobre de todo, que o visitante teña unha acollida acorde co que se agarda dun país desenvolvido, sen ter que andar case mendigando  polo pobo a apertura da porta.

Eu xa sei que facer catrocentos  metros de estrada coas correspondentes beirarrúas, poñer dezasete farois en báculo galvanizado, e “empedrar” un adro, é máis doado, da moitos votos, e se cadra mesmo “sobres”. Pero con eses cartos pódese manter unha iluminación que xa existe, e ter unha persoa que coide e atenda dignamente aos visitantes, para que non marchen coa idea de ter estado no terceiro mundo.

Comentarios