domingo 29/11/20

Sanxenxo inventouse na Baixa Limia

ADOLFO FERNÁNDEZ DAFONTE Quen máis ou quen menos tivo a sorte de desfrutar do turismo de sol e praia nas costas...
O Baño
O Baño
ADOLFO FERNÁNDEZ DAFONTE

Quen máis ou quen menos tivo a sorte de desfrutar do turismo de sol e praia nas costas galegas ó chega-lo período estival.

Deixando á marxe ós afortunados que posúen vivenda propia de verán, para os demais visitantes existe unha ampla oferta de aloxamentos en aluguer, tanto en cidades coma en pequenas aldeas esparexidas pola longa vertente costeira e a prezos adaptados a toda-las bulsas.

Sabemos que ó comezo deste tipo de turismo, os paisanos das zonas de mar, vendo o potencial económico que estaba a despuntar, ofrecían cuartos na propia vivenda familiar ou mesmo a abandoaban no verán para alugala ó completo. Hoxe, aínda que con melloras significativas como poden se-las ofertas na  hostalería, a cousa segue a funcionar dun xeito moi semellante.

Pois ben, isto mesmo xa se inventara cáseque un século antes na Baixa Limia. Na pequena vila do Baño de Bande, agora anegada a maior parte do ano polas augas do encoro das Conchas, os seus habitantes xa xuntaban unhas cadelas co negocio do "turismo termal".

Na cabeceira do pobo había unha fonte con catro canos da que manaba auga a 48º de temperatura. O Pitosco, comerciante emprendedor da zona, conseguiu por parte dos veciños a concesión do uso desa auga para unha casa de baño que en poucos anos foi considerada fonte de saúde.

   Unha vez rematadas as tarefas agrícolas no verán, xente de toda a comarca da Limia e mesmo do norte de Portugal, acudían á chamada das bondades curativas das augas minero-medicinais do Baño, moi boas para as doenzas da pel e mailos ósos.

O balneario contaba cunha poza grande comunitaria, dúas máis pequenas e unhas quince bañeiras individuais, así como sentadoiros termais para o tratamento de enfermidades das pernas e os pés, e un xardín arbolado para o paseo e o repouso despois do baño.

 Tal foi o éxito do negocio que o bañeiro non dispuña de espazo dabondo para albergar tal cantidade de visitantes.

Os veciños, vendo a necesidade de aloxamento, comezaron a ofrece-las súas casas, cuartos, currales e palleiros, con ou sen dereito a cociña e a prezos adaptados a economía de cada quen. Tendo en conta que o tratamento duraba nove días, o negocio era prometedor para todos aqueles que o souberan aproveitar. O comercio na zona viuse incrementar e mesmo se abriron locais para satisfacer-la demanda dos bañistas.

Abofé que non había quen marchase do novenario e non fose curado por completo para a súa casa. A maioría dicía que as propiedades da auga eran cáseque milagreiras. O boca a boca era a mellor publicidade.

No pobo había quen, rindo pola calada, argumentaba que despois de traballar sen descanso un ano enteiro, o feito de estar nove días bañándose en auga quente, comendo ben e repousando, chegaba para restablece-la boa saúde de calquera. Escusábanse milagres...

Comentarios