lunes 23/11/20

Da mala educación

"Sentín vergoña allea por eses políticos" 

Vagan pola miña memoria, coma pantasmas no medio da néboa, imaxes de todos os tipos: os meus avós, a Mazaira, os amigos (nenos e nenas da miña idade que acabaron img_jvives_20200930-113341_imagenes_lv_terceros_120465271_3386678948035539_8106592593766545188_o-kvlC--656x656@LaVanguardia-Webespallados polo mundo), o río, as Riscas, o colexio, os mestres. Pasei por tres colexios diferentes: a Escola Nacional Graduada Mixta (xa non existe), o da Seara (hoxe Rosalía de Castro) e o Sergio Mascareñas (actualmente Carlos Casares). En todos eles, os mestres (como se fosen unha prolongación dos nosos pais) insistían nunha cousa: a boa educación. E imaxino que xa, vostedes lectores, hanse decatar de que con esa palabra non me refiro a acumulación de coñecementos nas nosas mentes infantís, senón a idea de sermos educados, con bos modais e respectuosos cos demais. Anos máis tarde, xa en Vigo, no colexio onde estudaba tiñamos todas as semanas unha actividade que se chamaba hora formativa. Só lle acaía ben o adxectivo, xa que logo a duración non ía máis aló dunha media hora. Impartíanola don Raimundo, un palentino bo profesor e mellor persoa, que acabou sendo nomeado Vigués Distinguido. Nese breve tempo semanal, aprendeunos moitos detalles da boa educación e do respecto ós demais, reforzando o que nos ensinaban na casa,

Acordei diso esta semana ó escoitar unha entrevista a un xornalista inglés cuxo nome non lembro e na que, entre outras cousas, daba a súa opinión sobre a política en España. Os seus comentarios leváronme a ver un vídeo sobre o acontecido no Congreso dos Deputados durante a sesión de control ó Goberno hai unhas de semanas e algúns máis recentes. Teño que confesar que, cando rematei de velos, sentín vergoña allea por eses políticos (dá igual o partido, comportáronse todos por igual) que máis que facer política o que fixeron foi todo o contrario. Talvez eu estea equivocado, pero unha das cousas que boa falta lle facía a todos eles era unhas cantas clases das que nos daba don Raimundo, porque, así como non se poñen de acordo en nada, si que eran capaces de faltarse os uns ós outros.

Vin tamén algo do debate entre os dous candidatos á presidencia dos Estados Unidos, Donald Trump e Joe Biden. E parece ser que a cousa non variou nada. Dixéronse de todo. Creo que moitos políticos non se decatan de que son espello para moita xente.

Agora ben, parece ser que a mala educación non é algo exclusivo das persoas. Lin unha noticia na que se contaba que no zoolóxico de Lincolnshire Wildlife Park, en Inglaterra, un grupo de cinco loros grises dedicouse durante días a insultar os visitantes. E non só a estes, pois ó director do parque seica lle chamaban gordo. Ademais, parece ser que o seu repertorio de insultos e improperios era bastante variado. Visto o panorama, os responsables do parque, preocupados polo mal exemplo que as aves daban ós visitantes máis novos, decidiron retiralos da vista do público e poñelos nun lugar onde non puidesen escoitalos. Non sei se esas persoas das que falei unhas cantas liñas atrás leron tamén a curiosa noticia. De facelo, se eu fose eles confeso que estaría certamente preocupado de que fixesen comigo coma cos loros.

Rafael Laso