Tres cousas

test_daltonismo

test_daltonismoA semana que rematou no domingo 8 de outubro, foi coma un día de feira: \“asegún\”, que diría o meu tío o Toniño Moca. Tivo tres sucedidos, que foron por esta orde, malo, bo e extraordinario. Por tanto, houbo de todo.

No principio da semana, foi a morte. A negra sombra da sempre admirada Rosalía, levou por diante a un antigo compañeiro de traballo coa escusa dun accidente de tráfico. Este tipo de acontecementos lutuosos déixalle a un o corpo descolocado e o ánimo abatido.

Dous días despois, foi a concesión do Premio Nacional de Literatura Infantil a un escritor de noso, por un libro escrito en galego (un libro de poesía, Poemar o mar), o meu benquerido amigo Antonio García Teijeiro, co que comparto ademais da paixón pola literatura, a devoción pola música de Bob Dylan.

Para rematar, e malia non ser quen de ver a televisión máis de cinco minutos seguidos, o terceiro sucedido aconteceu nun deses escasos intres nos que o aparato me pilla diante del. Nun famoso programa de entretemento, agasallaban a tres invitados (un adulto, un mozo e un neno) afectados de daltonismo ou cegueira de cor, cun recente invento: uns lentes que no oitenta por cento dos casos corrixe ese defecto visual. Para que o puidesen apreciar mellor, colocaron ramos de flores e cestas de froita de gran diversidade de cores. A reacción dos afectados foi abraiante. Quedareime para sempre coa imaxe do neno, que unha vez postos os anteollos e comprobar o inmenso colorido das flores e froitas, o que fixo foi virarse inmediatamente de costas a elas para ver os seus pais e, logo de ollalos un intre, abrazarse a eles no medio dun mar de bágoas. Confeso que ata eu mesmo me emocionei.

Eu non deixo de abraiarme diante desa multitude de persoas que se dedican á investigación; persoas nas que non hai distinción de sexo, raza ou relixión e que procuran cos seus logros un obxectivo común: o avance da humanidade e a solución de problemas da xente. Por iso, fico pampo ante moitos dos adiantos médicos que se van logrando.

Todo o contrario co que acontece con moitos políticos, tal como se ve estes días, que no canto de solucionar problemas, semella que o único que fan é aumentalos. Talvez deberan tomar nota de todos eses homes e mulleres que, agochados na soidade dos seus laboratorios, acaban sendo capaces de facer chorar a un neno porque o seu mundo de pardos e grises vira de súpeto nun mundo cheo de cores. E todo por culpa duns sinxelos lentes.

Rafael Laso Lorenzo