martes 19/1/21

Un novo ano

Foise, tan só hai uns días, un ano nefasto para as vidas do mundo. Agardo que o vento sexa quen de levar canda si todo o malo que trouxeron eses trescentos sesenta e seis días. Eu non son supersticioso (talvez teña, como moitas persoas, algunha teima; mais creo que superstición ningunha) pero respecto as crenzas que cada quen poida ter. Por iso, con anos como o pasado, vexo a razón de ser da xente que antigamente lle tiña medo ós anos bisestos. Eu, se fose un ano, e me cadrase ser bisesto, sentiríame mal por ter un día que non pedín. Porén, a min os vinte e nove de febreiro danme un chisco de pena e sinto mágoa deles. O feito de ser un día feito de retallos, dos minutos sobrantes do ano, seméllame como esas croquetas feitas coas sobras do cocido. En fin, neste novo ano debemos mirar cara adiante, erguer o noso ánimo e empurrar o carro da vida con todas as nosas forzas, todos xuntos, cheos de responsabilidade. Coido que este vai ser o mellor remedio, e fundamental, para a loita contra a pandemia. Porque de nada han servir as vacinas se nós non pomos da nosa parte en tanto non cheguen á meirande parte da xente.

Cambiando de tema, comezo a escribir este artigo eca-178-reyes-magos-1_20104238_20190103124148cando pasa xusto un minuto das doce da noite e xa estamos metidos no día de Reis. Hoxe, millóns de nenos e nenas durmirán ou mal durmirán pensando en canto tarda o amencer e poder erguerse para ir apañar os agasallos ó pé da árbore de nadal. Cando eu era un rapaz, na miña familia había o costume (e supoño que en moitas da miña vila tamén, por non dicir en todas) de deixarlles servidas nesta noite ás súas maxestades de Oriente unhas copiñas e mais un prato con peperetadas para que repuxesen forzas, que boa falta se habían facer para a xeira tan atafegada desa noite. Porén, confeso que xa algo grandiño, pensei unha maldade: Se os bos de Melchor, Gaspar e Baltasar, bebían cadansúa copiña en todas as casas, rematarían penecas case seguro. Se en semellante situación os agasallos e os xoguetes non chegaban trabucados ás casas, era porque a súa maxia feiticeira evitáballe os erros. En fin, non hai como a inocencia infantil. Esa que me facía cada mañá do seis de xaneiro (fixese o frío que fixese, tanto tiña) saír a rúa canda as miñas irmás, para procurar no chan as pegadas dos camelos, e, mesmo antes diso, comprobar cantas lambetadas das do prato comeran os reis. Despois, todo se volvía enredar cos novos xoguetes, falar cos rapaces da veciñanza para amosarlles o que nos trouxeran e desexar que volvese a escola para presumir de agasallos diante dos compañeiros. En fin, unha felicidade produto desa inocencia infantil que imos perdendo co paso dos anos.

Remato este artigo, aproveitando a maxia dos Reis Magos: Sempre Agardando Un Desexo Especial, neste 2021, para todas as persoas do mundo.

Rafael Laso