jueves 15/4/21

O que Vicente Risco pensaba do turismo

XOSÉ A. CARRERA ABELLEIRA

No libro Mitteleuropa Vicente Risco recolleu as impresións dunha súa visita a Alemaña a onde chegou como bolseiro, no ano 1930, para realizar estudos de etnografía. Predominan nel as pestes que botou contra marxismo e xudaísmo, así como tamén contra o capitalismo desbocado, que chocaron entón coa súa mentalidade católica. Por suposto non vou entrar en tan espiñosas cuestións, pero si nunhas opinións que el reflectiu nese libro. Camiño de Berlín, visitando a igrexa gótica de Hondarribia, topouse con dúas velliñas inglesas que facían turismo e que, segundo el mesmo di, non se decataban de nada. Tal caso dálle pé ó escritor para facer unha digresión que, ó meu ver, non ten desperdicio.

Pese a que naquelas datas o turismo non tiña nada que ver coa masificación actual —a proba é que só dúas velliñas o incomodaban—, comeza dicindo que «a explotación do turista é das cousas máis xustificadas que hai, porque o turista naceu para tirarlle os cartos e, xa que o aturamos, cómpre que pague». De todas formas non só reciben súa diatriba os clientes, senón tamén quen fomenta o negocio do turismo que cualifica de inmoral, «o que máis se asemella á prostitución», porque significa a perda do pudor e da vergonza. Risco compara, poñendo o grito no ceo, a unha cidade que abre as portas dos seus monumentos, cobrando entrada, con calquera home que fixese exposición pública dos recordos dos seus pais defuntos e se beneficiase dela. Cando un monumento deixa pasar ós turistas, «cumpría recordar aquilo de que se non deben botar margaridas ós porcos». Para el todo turista, ademais de ser, «por esencia», un paspán que non comprende nada do que ten diante, emporca ese mesmo lugar en tal grado que Risco chega a dicir o que vou citar textualmente para evitar malentendidos: «Un turista onda un monumento é coma un produto dunha defecación riba dun sofá».[1]

Á vista do exposto, necesariamente un ten que reler o texto para saber por que o pensador galego, que daba voltas en torno da igrexa, non se consideraba a se mesmo un turista. Posto que o define como a persoa que viaxa por costume ou por simple mimetismo de facer o que outros fan, evidentemente non o é. Pero ben podería darse o caso de que, cando chegou a Berlín días máis tarde, algún sisudo alemán, de intelixencia e carácter parecidos ós del, véndoo simplemente observar unha fachada antiga, non apreciase naquel home máis que o típico turista e lle dése por teimar en sentencias semellantes ás de don Vicente.

É de presumir que algunha vivencia moi grave debeu ter neste ámbito o autor para que a súa intelixencia, non discutida nin polos seus inimigos, non actuase de barreira antes de soltar exabruptos do calibre que vimos de ler. Pero se a intelixencia acerca ó home á bondade, está claro que, neste caso, Risco non a usou.

Paradoxos da vida, a vivenda na que moraba o intelectual en Castro Caldelas está hoxe convertida en casa de turismo rural. Dado que leva seu nome, de seguro que o actual propietario non coñece o que Vicente Risco pensaba do turismo.

[1] Vicente Risco: Mitteleuropa. Editorial Galaxia, Segunda edición, 1984. Páx. 32. Pódese atopar na biblioteca municipal Antelana.

Comentarios