sábado 5/12/20

Xosé Antón Jardón Dacal. O éxtase das adoratrices da “casta” Susana.

“Os móviles, diferencias por causa dunhas partillas. A arma, un coitelo de matar os porcos. Circunstancias, pola noite, nun cruce de camiños. Vintesete puñaladas. Unha delas limpa e dereita no medio e medio do corazón.(Ilustrísima, Carlos Casares).

A traxicomedia interpretada polos mandamais do PSOE, torpemente dirixida polo gran home de Estado, don Felipe González, non tardará en ocupar capítulo propio no libro de ouro das babecadas, que alimentan o noxo que sinte unha boa parte da sociedade pola acción política actual. E isto acontece, mercé ao protagonismo dos badulaques que non teñen maior reparo en considerar á cidadanía coma unha auténtica recua de alpabardas. E, por suposto, por mor da incapacidade da clase política, para presentar como intranscendente aquilo que os cidadáns rasos elevan á categoría de sublime, no canto de perder o tempo, tratando de convencernos de que a mediocridade esperpéntica, a incompetencia constatada, e mesmo a corrupción sistemática, son pecados veniais.

susana-diazEsa cativeza creativa dos xenios que nos representan, para merecer a cualificación de babecada, precisa xestos e ritos de certo nivel, coma os que nos brindaron os líderes –e a lideresa- socialistas, en plena festa da vendima, a fin de deixar constancia expresa de que, os que lle regalan os puros a Felipe González –os poderes fácticos- son os que realmente domean e mangonean os arames que amalloan as trabes do Estado, malia os teimudos argumentos que exhiben algúns ilusos, cando se atreven a bautizar co nome de alternativa aquilo que, na vida real, non é máis ca unha simple alternancia, enxeñada para facernos crer que as cousas cambian, aínda que nunca mude nada.

E aí estamos, coma papaleisóns, sentados no galiñeiro, despois de pagar entrada de palco, para asistir a outra representación valleinclanesca, cuxa actriz principal é unha muller insulsa e aburrida, a tal Susana Díaz, empeñada en roubarlle o sorriso aos seareiros socialistas, malia a súa condición de andaluza, á que se lle debería presupor simpatía, ata o punto de inspirarlle a Milan Kundera aquel triste comentario: «chocante risa inspirada na nosa época, que é cómica porque perdeu todo o seu sentido do humor».

Ah! O meu tío Lisardo alucina, observando como a única aportación que nos ofrece a lideresa –agora ama- consiste en darnos leccións sobre o carácter erótico do embigo, despois de colocar, por fin, a súa propia cicatriz ventral no camarín da política do Estado, para deixar constancia da súa devoción polas teses do autor de A festa da insignificancia, onde un personaxe observa, talmente apampado, como o erotismo xa non se atopa nos lomedros, nin nas nádegas, ni nos peitos, senón nesa fochanquiña redonda situada na metade da barriga. Cando menos iso parece, no caso desa tal dona Susana.  

Xosé Antón Jardón Dacal

Xosé Antón Jardón Dacal. O éxtase das adoratrices da “casta” Susana.
Comentarios