martes 11/5/21
Nova unidade de Protección Civil

Catro municipios da Limia mancomúnanse para constituír un servizo conxunto de Protección Civil

A Deputación confirmou onte, na reunión mantida cos catro rexedores no Pazo Provincial, que a institución cofinanciara a nova unidade de emerxencias

A rexedora de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade.
A rexedora de Rairiz de Veiga, Asunción Morgade.

Os concellos limiaos de Rairiz de Veiga, Porqueira, Os Blancos e Calvos de Randín deron onte un novo paso na constitución dunha agrupación conxunta de emerxencias. Trátase dunha unidade de Protección Civil mancomunada que atenda as necesidades dos catro municipios. Será un servizo integrado e profesional que pretende cubrir as carencias que había ata o momento na zona, onde existían servizos de voluntariado con deficiencias loxísticas. "Co voluntariado uns días podes contar e outros non, por iso nós queremos un servizo que funcione de maneira profesional", afirma Aquilino Valencia, alcalde de Calvos de Randín.

No día de onte, os dous alcaldes e as dúas alcaldesas dos municipios anteláns reuníronse co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, para concretar as cuestións relativas ao financiamento do servizo. O organismo provincial comprometeuse a cofinanciar, cunto coa Xunta de Galicia e os catro concellos este novo servizo. "O papel da Deputación é fundamental no ámbito provincial das emerxencias e contra incendios" afirmou Baltar.

"Xa houbo conversas tamén coa Xunta e só falta asinar os convenios", comenta José Manuel castro, rexedor de Os Blancos. O local da agrupación de emerxencias situarase –previsiblemente– no Concello de Porqueira, por ser unha das zonas máis céntricas a nivel xeográfico. Cada un dos catro consistorios aportará un mínimo dunha persoa ao equipo do servizo e un máximo de dúas, polo que se contempla formar unha agrupación de entre 6 e 8 persoas.

Comentarios