sábado 31/10/20
Deputación

A Deputación de Ourense convoca o IV Premio Estatuto de Autonomía de Galicia de debuxo e redacción escolar

Así o informou a deputada limiá de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 3 de febreiro.

montse
A deputada limiá, Montse Lama, na rolda de prensa.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada esta mañá no Pazo Provincial aprobou as bases reguladoras e a convocatoria do IV Premio Estatuto de Autonomía de Galicia de debuxo e redacción escolar, que ten como obxecto conmemorar a aprobación do Estatuto e contribuír a súa difusión, coñecemento e significado entre os escolares ourensáns. Así o informou a deputada limiá de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 3 de febreiro.

O lema desta edición do concurso é "A nosa lingua", en correspondencia co artigo 5 do estatuto. Poderán participar a título individual os estudantes de infantil, primaria, educación especial, ensino secundario obrigatorio, bacharelato e ciclo medio de formación profesional, de centros de ensino xeral tanto públicos, como privados ou concertados da provincia de Ourense.

As modalidades do premio, en función do nivel educativo, son: alumnos de educación infantil, primaria e educación especial, presentarán un debuxo ou traballo artístico que faga referencia ao lema do concurso; e os alumnos de ensino secundario obrigatorio, bacharelato e ciclo medio de formación profesional deberán presentar unha redacción sobre o Estatuto de Autonomía. O prazo para presentar os traballos remata o vindeiro 17 de marzo e farase público o ditame do xurado o día 30 de marzo.

En canto aos premios, na modalidade de debuxo, o xurado seleccionará os 12 mellores debuxos, tendo en conta cada un dos niveis educativos, e serán premiados cun diploma e un lote de libros; mentres que, na modalidade de redacción, o xurado seleccionará os 20 mellores traballos, tendo en conta tamén os niveis educativos, cursos e idades dos participantes, e serán premiados cun diploma, un lote de libros e unha viaxe a Santiago de Compostela, para visitar o Parlamento de Galicia, e realizar algunha outra actividade cultural. A entrega dos premios terá lugar o día 6 de abril no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" para conmemorar o día do Estatuto de Autonomía.

As bases reguladoras do IV Premio Estatuto de Autonomía de Galicia de debuxo e redacción escolar serán publicadas proximamente no Boletín Oficial da Provincia.

Comentarios