A Limia recibirá máis de 150 mil euros en axudas da Deputación

A deputada limiá Montse Lama deu conta dos acordos da Xunta de Goberno.
A Limia recibirá máis de 150 mil euros en axudas da Deputación

Xinzo de Limia será o concello máis beneficiado, con 96 mil euros destinados a tres obxectivos diferentes. Bande, Porqueira, Rairiz de Veiga e Trasmiras son os outros municipios limiáns receptores.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense vén de aprobar, o pasado venres 18 no Pazo Provincial, unha serie de axudas por valor total de 349.934 euros en materia de cooperación cos concellos e asociacións da provincia. O obxecto das mesmas está destinado a temas de deporte, cultura, medio ambiente, benestar e infraestruturas. A comarca da Limia beneficiarase de case a metade da contía total, o que supón algo máis de 153.800 euros. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno.

En materia de cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda para o Concello de Bande de 18.336 euros para a adecuación dos accesos á estrada OU-540. Outra das axudas aprobadas foi para o Concello de Porqueira, desta volta en materia cultural. O municipio rexido pola popular Susana Vázquez recibirá un importe de 8.000 euros para sufragar os gastos da Banda de Gaitas municipal. Así mesmo, o Concello de Rairiz de Veiga, será o receptor de 11.000 euros coa finalidade de seren empregados para sufragar os gastos derivados da promoción da Romaría da Saínza 2016.

Outra das axudas aprobadas na xuntanza foi para o Concello de Trasmiras por importe de 20.500 euros para a optimización enerxética da instalación de iluminación pública en diferentes núcleos do municipio.

Por último, na liña de cooperación cos concellos, a Xunta de Goberno aprobou tres axudas para o Concello de Xinzo de Limia. Unha delas, de 70.000 euros –e da que xa deu conta este xornal– para o asfaltado de vías públicas. Unha segunda de 6.098 euros para a conservación e rehabilitación dun pozo xa existente así como para a montaxe dunha bomba no parque Toural da vila de Xinzo. Ademáis, a capital da comarca da Alta Limia recibirá outros 20.000 euros destinados ao mobiliario urbano do municipio.

Outros concellos da provincia beneficiados por este paquete de axudas aprobado pola institución provincial foron Allariz, A Veiga, Cortegada, A Peroxa e Larouco.

OUTRAS AXUDAS E ACORDOS

No apartado de axudas a entidades e asociacións da provincia, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda por importe de 10.000 euros para a Escudaría Luíntra, destinada á celebración do 5º Rally \“Ourense Ribeira Sacra\” correspondente ao ano 2016. Para a Asociación de Veciños Castro de Beiro, unha axuda de 1.500 euros para a reforma do velorio municipal, así como unha axuda para a Comunidade de Monte en Man Común O Sobral, de 25.000 euros destinada ás obras no Centro Social da Rasela. Asemade, para a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) aprobou unha axuda de 50.000 euros para servizos itinerantes para discapacitados da provincia de Ourense, correspondentes ao ano 2016.

Asemade, na xuntanza aprobáronse os prezos públicos para a entrada ao parque de atraccións \“Pazolandia\”, fixándose en 3 euros para aqueles que accedan en viaxes promovidos polos concellos da provincia e, en 4 euros, para o público en xeral. Igualmente, tamén se aprobou o prezo de venda ao público do libro que editará a Deputación de Ourense, Acisclo. Colección de Artistas Ourensáns. Vol VI, de Mercedes Gallego Esperanza, por importe de 50 euros.